Estás en:Novas

‘Tribunal’, a peza de teatro experimental creada no LabCareixa estrease o 23 de abril no Pazo de Mariñán

Trátase da peza creada colectivamente polas cinco artistas residentes, Carlos Beade, Carmen Quintáns, Elise Abella -Elise.pdf-, Daniel Cambeiro -FloraGhost- e María Vérez, a partir da obra 'O paseo das esfinxes' da dramaturga coruñesa Luísa Villalta

A estrea contempla dous pases, o primeiro ás 12:00h e o segundo ás 13:30h, e para asistir será preciso reservar praza no enderezo labcareixa@gmail.com, indicando a cal dos pases se desexa asistir

‘Tribunal’, a peza de teatro experimental creada no LabCareixa estrease o 23 de abril no Pazo de Mariñán

O vindeiro 23 de abril terá lugar a presentación da peza Tribunal desenvolta durante o LabCareixa, laboratorio de teatro experimental, organizado pola Área de Cultura da Deputación de A Coruña, curado por Sergio Marey co-director de Solaina e produción de Antía Carreira e Breogán Martínez. Esta peza creada polas cinco artistas residentes (Carlos Beade, Carmen Quintáns, Elise Abella -Elise.pdf-, Daniel Cambeiro -FloraGhost- e María Vérez) parte da obra 'O paseo das esfinxes' da dramaturga coruñesa Luísa Villalta.

Convén lembrar que o proxecto LabCareixa, foi concibido como un laboratorio de teatro experimental e artes visuais que a través dun novidoso proceso de experimentación, formación e creación artística colectiva, creou unha peza escénica, de natureza performática, que será a que se presente publicamente en Mariñán o sábado 23 de abril. Para esta estrea programáronse dous pases, un ás 12:00h e o segundo ás 13:30h, e para asistir será preciso reservar praza no enderezo labcareixa@gmail.com, indicando a cal dos pases se desexa asistir.

'Tribunal' é unha peza que aborda as imposicións de xénero, a reconstrución da identidade e os xuízos establecidos por figuras de poder, performando unha viaxe chea de obstáculos e figuras que desafían camiños establecidos. As creadoras da peza consideran que se trata dun caminho que invita á reflexión do público e a conversar sobre a identidade de xénero, a transformarse de xuíces a xulgados acompanhando aos protagonistas. Adiantas, ademais, que as persoas espectadoras deben acudir abertas a sacar as súas propias conclusións. Atendendo a que as artistas proveñen da escultura, fotografía, música, performance e pintura, o espectáculo está concibido cunha sensibilidade estética enriquecida por todos estos campos.

LabCareixa como experiencia de creación colectiva
LabCareixa é un laboratorio de teatro experimental nacido para fomentar redes culturais na Galiza e crear espazos nos que diferentes artistas teñan un primeiro contacto co teatro. Comezou a desenvolverse no mes de abril no Pazo de Mariñán, un espazo idóneo para o desenvolvemento creativo a través do cal tamén se busca descentralizar a arte contemporánea das grandes urbes. Alí residiron durante cinco días, cinco artistas de disciplinas alleas ao teatro que trabalharon o texto de Luísa Villalta dende os seus procesos creativos persoais, diferentes entre eles e, sobre todo, desvinculados do teatro.

Este Lab é unha nova maneira de concibir o teatro, e tamén de crear teatro contemporáneo galego achegándoo á mocidade. Durante a estancia recibiron masterclass de artistas con relevancia dentro do mundo teatral como Afonso Becerra (dramaturgo, mestre da ESAD Galiza e director da revista teatral Erreguete), MissBeige (periodista, actriz e performer) e Xron (director artístico de Chévere).