Estás en:Novas

Xa está dispoñible o novo programa de Referentes, protagonizado por Margarita Ledo e Xabier Fortes

ReferentesT2 vén de estrearse en Facebook e Youtube cunha conversa entre Margarita Ledo e Xabier Fortes, na que narran como a resistencia antifranquista conformou as súas respectivas personalidades e explican as súas posicións ante temas de actualidade como o ascenso da ultradereita ou o que acontece en Ucraína

Este proxecto, impulsado pola área de Cultura da Deputación, volve nesta segunda tempada con seis novos episodios que se emitirán os últimos venres de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro

Xa está dispoñible o novo programa de Referentes, protagonizado por Margarita Ledo e Xabier Fortes

O exilio, a resistencia antifranquista, o papel dos medios de comunicación, a escrita, o feminismo e mesmo o fútbol, son algúns dos temas que abordan Margarita Ledo e Xabier Fortes no primeiro episodio da nova tempada de Referentes. Desde esta mañá, a conversa completa xa está dispoñible na canle de Youtube e no perfil de Facebook da área de Cultura da Deputación da Coruña.

A conversa, conducida pola xornalista Marga Pazos, parte das súas respectivas infancias e como as súas situacións familiares durante o franquismo conformaron as súas personalidades e idearios. No caso de Xabier Fortes como fillo dun militar detido por montar unha célula democrática no exército, o que segundo conta truncou o seu futuro, "realmente eu non tiña que ser xornalista senón militar, estaba educado para iso" asegura; e no caso de Margarita Ledo como descendente de emigrantes e exiliada ela mesma. Comparten anécdotas simpáticas sobre os códigos e mensaxes cifradas de organizacións que operaban na resistencia das décadas de 1960 e 1970, e avanzan sobre como se conformaron as súas vocacións e traxectorias profesionais ata reflexionar sobre o papel dos medios de comunicación en cuestións tan actuais como o auxe da ultradereita ou o que está a acontecer en Ucraína.

Referentes T2 contempla seis novos episodios, que sairán á luz o último venres dos meses de abril, maio, xuño, setembro, outubro e novembro. Convén lembrar que este ciclo, que xunta a diferentes personalidades do mundo da cultura nun espazo de reflexión e conversa demorada, está concibido como un proxecto exclusivamente dixital.