Estás en:Novas

Formoso destaca o cambio de modelo da Deputación da Coruña para “poñela ao carón da xente, falando do que lles importa”

No Foro Económico Español 'La Galicia que viene' o presidente provincial sinalou o PEL como un "modelo exportable" que "demostra a posibilidade de transformar unha institución bicentenaria e adaptala á realidade do século XXI"

En cinco anos, o Plan de Emprego Local investiu máis de 98 millóns de euros, favoreceu a creación de 4.500 empregos directos e apoiou ao redor de 3.500 empresas

No foro tamén subliñou a relevancia da rede provincial de Espazos de Coworkings, formada por 11 espazos especializados por áreas "onde se crean sinerxías desde o primeiro día"

Formoso destaca o cambio de modelo da Deputación da Coruña para “poñela ao carón da xente, falando do que lles importa”

Valentín González Formoso participou hoxe no Foro Económico 'La Galicia que viene', organizado por El Español e Quincemil, onde destacou o cambio de modelo que viviu a Deputación da Coruña nos últimos anos para "poñela ao carón da xente, falando do que lles importa".

Neste sentido, o presidente provincial sinalou o Plan de Emprego Local (PEL) como "un modelo exportable a outras administracións" que "demostra a posibilidade de transformar unha institución bicentenaria para adaptala á realidade do século XXI".

"Nos últimos anos impulsamos un cambio nunha Deputación que estaba máis deseñada para axudar á mellora de infraestruturas no ámbito municipal e non tanto para facer políticas de dinamización económica ou de reactivación laboral", apuntou.

"Nós quixemos sementar para o futuro e deseñamos un plan de emprego que pretendía amparar calquera iniciativa emprendedora", explicou González Formoso, facendo referencia aos datos do PEL, que en 5 anos tivo unha inxección de máis de 98 millóns de euros, con preto de 4.500 empregos creados e ao redor de 3.500 empresas apoiadas "nunha provincia que é o motor económico de Galicia, cun 47% do PIB do país e que é a cuarta provincia máis exportadora de España, con empresas referentes no ámbito téxtil, naval, cervexeiro, forestal...".

"Facemos un seguimento á evolución deses pequenos proxectos, que na súa maioría son de autoemprego e hoxe, despois de 5 anos, hai algúns que aglutinan a 40-50 empregados conforme a aquela pequena idea que tivo a sorte de ter algún lugar onde comezar e un pequeno orzamento, subministrado pola Deputación. Se todo o mundo se implicase dunha maneira similar, as esperanzas dos mozos e mozas á hora de seguir radicándose no territorio no que naceron sería unha expectativa realmente factible", expresou.

Unha rede de coworkings temáticos que xa conta con 11 espazos

Valentín González Formoso tamén subliñou a relevancia da rede provincial de espazos de coworking, "un modelo polo que decidimos apostar, radicalmente distinto ao tradicional e que está a ter un gran éxito". "Pola súa natureza son lugares onde as sinerxías aparecen desde o primeiro día", afirmou.

"Creamos recentemente un que xira en torno aos medios de comunicación e a creatividade, outro vencellado ao mar, á agricultura e gandería ecolóxica, á hostalería e ao turismo e este mes inauguraremos nas Pontes un relacionado coas enerxías renovables e a nova do hidróxeno", enumerou Formoso, que tamén lembrou que "acabamos de abrir un na Capela, unha vila de 1.300 habitantes, onde completamos o 100% da súa capacidade, con 12 empresas instaladas".

Para o presidente provincial "o custo de crear estes espazos é asumible e, en cambio, é moi bo o retorno que temos de creación de vida nas vilas onde a demografía non axuda e a emigración é unha constante diaria, ao crear espazos onde desenvolver esa idea que ti tes pero que custa iniciar".

Facendo fronte á pandemia e ás situacións que afectan á sociedade

Volvendo a facer referencia ao cambio de paradigma que está a vivir a Deputación da Coruña destacou que "para facer fronte á situación excepcional que vivimos durante a pandemia tivemos que recompoñer as nosas partidas, fomos capaces de priorizar e destinar axudas directas por 23 millóns de euros o ano pasado dirixidos aos sectores máis afectados pola pandemia, como a hostalaría".

Unha atención ao que lle interesa á cidadanía que continúa á día de hoxe xa que "agora o que importaba era apoiar a sectores como o transporte, a pesca ou o sector agrogandeiro pola alza do custo dos combustibles, atender as situacións xeradas pola guerra de Ucraína ou o gran impacto que estaban a ter os custos variables de moitos produtos para os negocios tradicionais e estratéxicos de Galicia e decidimos achegar o noso gran de area porque a Deputación non ten recursos para resolver ningunha situación crítica en Galicia pero si ten para servir de guía e poñer deberes a outras institucións que si a teñen".

A Deputación destinou 5 millóns de euros en axudas de 3.000 euros a pequenas empresas e autónomos destes tres sectores, que se esgotaron en menos de 24 horas. As primeiras 650 axudas adxudicáronse e pagáronse en só 7 horas desde que se abriu o prazo.