Estás en:Novas

Cultura da Deputación apoia este ano con 125.000 euros a distribución de filmes en galego

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio e o importe máximo por beneficiario é de 30.000 €

Cultura da Deputación apoia este ano con 125.000 euros a distribución de filmes en galego

O departamento de Cultura da Deputación da Coruña destina este exercicio 125.000 euros para apoiar a distribución, comercialización e exhibición audiovisual en lingua galega na provincia. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 31 de maio e o importe máximo por beneficiario é de 30.000 €.

Esta liña de axudas contempla, por un lado, o apoio aos contidos audiovisuais galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas en Galicia) para a súa distribución e exhibición en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego); e por outro, o apoio á distribución en lingua galega (VO, VOSG ou dobraxe ao galego) de contidos audiovisuais non galegos (longametraxes, curtametraxes, documentais, etc. feitas fóra de Galicia).

"O campo audiovisual", salienta o responsable provincial de Cultura, Xurxo Couto, "é hoxe en día un ámbito estratéxico na creación de contidos culturais para calquera sociedade. A produción de filmes, documentais, contidos dixitais e demais formatos audiovisuais para a súa emisión nas diferentes canles existentes é unha mostra principal da vitalidade dunha lingua e dunha cultura, en tanto permite xerar discurso propio cara si e cara os outros e articular un espazo de referencias propio e recoñecible, cunha dinámica autónoma e beneficiosa no sociocultural e no económico". "Con esta convocatoria", engade, "a Deputación da Coruña non só se sitúa á fronte do apoio á distribución do cinema en galego, senón que ademais se atalla a anomalía que supón a dificultade de asistir á proxección dos contidos audiovisuais de altísima calidade que se están a producir na nosa lingua".

En 2021 a Deputación achegou 96.352,67 euros para que oito filmes puidesen chegar ao público na provincia; entre eles, "A virxe roxa", de Marcos Nine; "Nación", de Margarita Ledo; ou "Negro púrpura", de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva.