O Plan Único da Deputación financia con 128.468 euros a ampliación da ponte do Allo, en Zas
O proxecto contempla a demolición da ponte existente para a execución dunha nova de 8,7 metros de ancho
O obxectivo é dar unha mellor comunicación ao polígono do Allo xa que pola ponte actual non poden circular vehículos e turismos de gran tamaño
A Deputación da Coruña financia, a través do Plan Único, o proxecto de ampliación da ponte do Allo, no Concello de Zas, que conta cun orzamento de 128.468 euros.
O obxectivo desta actuación é dotar dunha mellor comunicación ao polígono do Allo xa que, debido ao pouco ancho da ponte que serve de comunicación para esta zona industrial, non poden circular por ela vehículos articulados, camións, furgóns e incluso algúns turismos de gran tamaño.
Así, as obras contemplan a demolición da ponte existente para a execución dunha nova. Para iso, acondicionarase previamente a canle cunha mellora do terreo para o asentado dos estribos, que xunto ás vigas prefabricadas, sosterán un taboleiro de 8,7 metros de ancho para crear dous carrís de circulación de vehículos e unha franxa peonil de 1,5 metros, separadas por unhas aletas.
Ademais, ensancharase a calzada que conecta a ponte para adaptar o trazado ao novo ancho, repoñerase o firme nas súas proximidades e continuarase coa rede de pluviais existente. Por último, instalaranse pretís, biondas e topes para garantir a seguridade de vehículos e persoas.