Estás en:Novas

A Deputación financia con ACOES un programa de educación inclusiva para nenos en risco de exclusión social dos barrios marxinais de Tegucigalpa (Honduras)

Rioboo reuniuse hoxe cos responsables da ONG para coñecer os detalles do proxecto e destacou a importante labor que a entidade desenvolve desde hai 24 anos no país

A Deputación financia cada ano, en colaboración con distintas ONG, unha vintena de programas de cooperación internacional

A Deputación financia con ACOES un programa de educación inclusiva para nenos en risco de exclusión social dos barrios marxinais de Tegucigalpa (Honduras)

Os sacerdotes Patricio Larrosa e Enrique Ruíz, representantes da Asociación Colaboración y Esfuerzo (ACOES), entidade que leva máis de 24 anos traballando en promover proxectos sociais en barrios marxinais de Tegucigalpa e noutras zonas desfavorecidas de Honduras como Copán, La Paz ou Comayagua, foron recibidos está mañá na sede da Deputación da Coruña polo deputado da área de Cooperación José Ramón Rioboo.

Neste encontro, os representantes de ACOES aproveitaron para recoñecer a importancia da colaboración da Deputación para desenvolver proxectos de prevención social en Honduras, dirixidos a nenos e mozos de grupos en situación de risco de exclusión social.

Honduras, un dos países con maior índice de pobreza en América Latina, conta cunha poboación de máis de nove millóns de habitantes, dos cales o 59,3 por cento dos fogares vive en pobreza e, dentro deste, o 36,7 por cento vive en situación de extrema pobreza.

Conta coa maior taxa de natalidade: 21,60 nacementos/1.000 habitantes nun ano, acompañado tamén polo más alto índice en mortaldade: 35 mortes/1.000 habitantes.

Educación para a infancia en barrios dominados polas maras

O proxecto que financia a Deputación consiste nun programa de educación inclusiva nas áreas urbanas empobrecidas de Tegucigalpa. Este desenvólvese principalmente na Colonia "Villa Cristina", na periferia de Tegucigalpa. Villa Cristina é un barrio que, desde 1982, se formou na súa totalidade por familias que emigraron do campo á cidade, en busca de mellores alternativas de vida. Ao non ter un lugar onde vivir cando chegan á capital, estas familias invaden terreos que non contan coa infraestrutura residencial imprescindible.

As deficiencias sociais e económicas do país ven agravadas pola problemática das drogas, o abuso do alcohol e o alto índice de delincuencia provocado pola presenza de bandas organizadas, o que fomenta a violencia e inseguridade na Colonia "Villa Cristina", dominada por grupos xuvenís coñecidas como maras, é considerada unha zona de alto risco.

Rioboo agradeceu aos representantes de ACOES a súa visita e poder coñecer de primeira man "o extraordinario traballo" que esta asociación desenvolve en Honduras.