Estás en:Novas

Seso Durán presenta o 18 de xuño no Teatro Colón o seu disco “O son da memoria”

O músico marinense estará acompañado, como artistas convidados, por Carmen Rey, Ángeles Dorrio, Javier Cedrón, Antonio Domínguez, Félix Cons e Suso Iglesias. A entrada é de balde e os convites xa se poden retirar na web do teatro

Seso Durán presenta o 18 de xuño no Teatro Colón o seu disco “O son da memoria”

A programación musical do departamento de Cultura da Deputación da Coruña volve o 18 de xuño ao Teatro Colón, onde Seso Durán presentará, ás 20 horas, o seu disco "O son da memoria". O músico marinense estará acompañado, como artistas convidados, por Carmen Rey (voz), Ángeles Dorrio (voz), Javier Cedrón (violín), Antonio Domínguez (voz), Félix Cons (voz) e Suso Iglesias (acordeón); e pola súa banda, formada por Alex Carrero (baixo), Lucas Fernández e Irra Chouza (guitarras), Cibrán Rey (batería), Xabier Vieitez (teclados) e Sabela Cereijo e Sandra Lima (coros).

"O son da memoria" é un disco de rock folk escrito arredor do que aconteceu tras o golpe de xullo de 1936. Centrado nas vítimas, nos verdugos, nos lugares, no cable eléctrico que conecta pasado e presente, o disco aposta por recuperar a memoria ten un marcado acento de denuncia. A canción "Príncipe azul", por exemplo, está baseada nun discurso en Radio Sevilla, no que o xeneral golpista Queipo de Llano anima os lexionarios e regulares a violar as milicianas republicanas. "O emprego da agresión sexual ás mulleres como arma de guerra é algo tristemente habitual nos conflitos bélicos", explica Durán. "O feito de que un dirixente tan destacado o faga expreso publicamente non é só unha mostra de brutalidade, senón tamén a clara expresión dun sentimento de impunidade que o tempo non fixo máis que confirmar".

En "Landín acordeón", Durán conta unha historia de ficción baseada nun acordeonista que coñeceu de neno. "O marco —acordeonista, canellón, etc.—son reais, pero do que falo é unha metáfora da persistencia nas conviccións propias a pesar das consecuencias que calquera podería sufrir", explica o músico.

"Canción dos afogados" conecta pasado e presente: "Os fondeados nas rías durante o terror franquista, os afogados na actual crise de refuxiados no Mediterráneo, con Occidente como espectador pusilánime en ambos casos".

A entrada é de balde e os convites xa se poden retirar na web do teatro.