Estás en:Novas

José Ramón Rioboo destaca que “falar de economía circular é falar do mundo que deixaremos ás xeracións posteriores”

O deputado de Emprego participou hoxe no simposio "Nova lei de residuos e solos contaminados organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP)

Destacou a importancia da lexislación que puxo en marcha o Goberno de España como ferramenta para "para impulsar a economía circular e baixa en carbono"

José Ramón Rioboo destaca que “falar de economía circular é falar do mundo que deixaremos ás xeracións posteriores”

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, participou hoxe no simposio "Nova lei de residuos e solos contaminados: o papel da Lei na transición cara a unha economía circular", organizado pola Universidad Internacional Menéndez Pelayo (UIMP - Galicia), e que tivo lugar na Fundación Luis Seoane.

O encontro foi dirixido por José Pernas García, profesor de Dereito administrativo da Universidade da Coruña e contou coa participación de profesionais de recoñecido prestixio que achegaron unha visión ampla e integral sobre esta temática.

Rioboo destacou a importancia da nova lexislación impulsada polo Goberno de España. "Falar de economía circular, de sustentabilidade e, neste caso, do papel que terá a nova lei de residuos sólidos e chans contaminados é falar de como queremos que sexa o mundo que deixaremos ás xeracións posteriores", sentenciou.

Engadiu, ademais, que é unha das ferramentas lexislativas máis innovadoras dos últimos anos para impulsar a economía circular e baixa en carbono. "Non é un simple texto normativo para cumprir cos ditames europeos. É unha base sólida sobre a que salvagardar o noso futuro e o dos nosos fillos".

A lei inclúe, apuntou o deputado, medidas clave sobre a economía circular para axudar ás empresas e aos consumidores europeos na transición a unha economía máis sólida, onde se utilicen os recursos de modo máis sostible. "Debemos ser capaces de rachar o vínculo pasado que existía entre o crecemento económico e o impacto que este tiña sobre a saúde e o medio ambiente".

Entre as medidas que mencionou durante a súa intervención destacan a limitación do uso de plásticos ata mesmo a súa restrición no mercado dalgúns deles, a aposta pola participación na compostaxe doméstica ou comunitaria, a actualización o réxime sancionador, as medidas fiscais que axuden a potenciar estas políticas de reciclaxe, ou a creación do Inventario Nacional de descontaminacións voluntarias de chans contaminados, que será alimentado polos rexistros autonómicos.

O deputado sinalou ademais que o Goberno de España vén de conceder esta mesma semana preto de 10 millóns de euros aos concellos galegos para mellorar a súa xestión de residuos no marco dun programa destinado a todo o Estado cun investimento global de 176,5 millóns.

En definitiva, dixo, establecer "un novo marco lexislativo para un novo momento da nosa historia no que temos que ser conscientes do reto que supón unha boa xestión dos residuos e a reciclaxe dos mesmos con medidas concretas que posibiliten contornas máis sostibles, saudables e que tamén, sexan polos de crecemento económico".