Xosé Regueira defende unha fórmula similar ao Plan Único para garantir que os Fondos Next Generation cheguen eficazmente aos concellos
O vicepresidente, que participou esta mañá no Congreso Digital Tourist en Benidorm, centrou a súa intervención nos eixes claramente enfocados á transición enerxética e dixital que se inclúen nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino do Eume e de Ortegal, e nos dous da Costa da Morte que están actualmente en preparación
O vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, defendeu esta mañá no Congreso Digital Tourist que se está a celebrar en Benidorm, a idoneidade de contar cunha fórmula similar ao Plan Único para garantir que os fondos Next Generation cheguen eficazmente aos concellos. Xosé Regueira centrou a súa intervención nos eixes claramente enfocados á transición enerxética e dixital que se inclúen nos Plans de Sostibilidade Turística en Destino do Eume e de Ortegal – xa aprobados-, e nos dous da Costa da Morte –en preparación-.
O vicepresidente explicou en Benidorm que a Deputación da Coruña conta neste momento con "mecanismos baseados en criterios totalmente transparentes" que permiten transferir aos concellos 100 millóns de euros para levar a cabo accións municipais aprobadas en pleno e que "atendendo a esta experiencia, a min gustaríame que ás Deputacións se nos permitise ter un papel deste tipo en relación aos fondos europeos". Xosé Regueira fixo este apuntamento na última mesa de debate, previa á intervención da Ministra de Industria, Comercio e Turismo, Reyes Maroto.
Xosé Regueira tamén indicou que dos 60.000 núcleos de poboación do Estado, 32.000 están en Galiza polo que o turismo no territorio galego "é fundamentalmente rural" e que, neste sentido, "toda transición dixital ten que responder ao noso enfoque de turismo intelixente, que é un turismo que debe tender cara o 100% da sustentabilidade, cara a economía circular e cara a preservación do medio natural e da forma tradicional de vida do noso territorio". "A transición dixital debe axudarnos a acadar este tipo de turismo" afirmou o vicepresidente.
Xosé Regueira, que titulou o seu relatorio 'Transición dixital: un reto social e medioambiental', explicou que "o gran reto que temos neste momento é establecer mecanismos de medición e análise de datos, e nisto as tecnoloxías dixitais teñen unha gran importancia". Como exemplo, mencionou a necesidade de medir o gasto dun concello en servizos destinados á poboación visitante –non residente-, e avaliar que volume de turistas pode atender ao longo do ano e enfocar as estratexias de promoción a eses obxectivos.
O vicepresidente da Deputación da Coruña compartiu intervención con Mª Carmen Rodríguez, xerente de INPRO da Diputación de Sevilla, con Patricia Valle, deputada de Turismo da Diputación de Cáceres, e co asociado de AMETIC, Ignacio Albendea. A mesa estivo coordinada por Javier Martínez Belotto, coordinador do grupo de traballo 'Pueblos digitales sostenibles' da AMETIC.