Estás en:Novas

Formoso destaca o potencial da la da ovella galega e aposta por “protexela e exportala” coa Denominación de Orixe

O presidente provincial participou hoxe na inauguración da primeira edición do Paseo da La de Cabanas, un evento que pretende poñer en valor este produto

"Este tipo de iniciativas son imprescindibles para fortalecer a cultura de país, a nosa la, a galega, pode e debe ser un produto distinguido que se exporte como un material de calidade", subliñou

A programación desta feira estenderase ata mañá, domingo 12 de xuño, na contorna do paseo da Madalena

Formoso destaca o potencial da la da ovella galega e aposta por “protexela e exportala” coa Denominación de Orixe

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe xunto ao alcalde de Cabanas, Carlos Ladra, na inauguración da primeira edición do Paseo da La de Cabanas, un evento que pretende poñer en valor este produto e que nace coa pretensión de ser a primeira Feira Internacional de La Artesá con Denominación de Orixe.

Durante a súa intervención, Formoso destacou o potencial da la da ovella de raza galega, "que ten a capacidade de ser un recurso de gran valor" e aposta porque "pase a estar catalogada e clasificada, coa Denominación de Orixe que hoxe se presenta para que a poidamos protexer e exportar".

Formoso quixo dar os parabéns "ao Concello de Cabanas e ao alcalde, Carlos Ladra, por impulsar este proxecto, así como a Bea Carbón e Lola Logaro por idealo e darlle forma" xa que "este tipo de iniciativas que poñen en valor os produtos da nosa terra son imprescindibles para fortalecer a cultura de país".

O presidente provincial tamén fixo referencia á importancia de facer un bo aproveitamento deste recurso, a la, que en Galicia é moi abundante pero que queda sen usarse na maior parte dos casos. Hai estudos que calculan que na nosa comunidade quedan sen xestionar e procesar tres toneladas de la. Os produtores non a venden porque, debido ao seu baixo prezo, non lles compensa e o que fan é rexeitala.

Por iso, cre que "a revalorización da la de ovella galega terá moitos beneficios, creando unha economía circular coa que os gandeiros poderán ter maiores ingresos pola venta das súas producións, os artesáns terán material para crear as súas pezas, e as tendas poderán ofertar e vender singularidade e calidade no produto final".

Por último, puxo en relevancia o papel do Concello de Cabanas "apoiando este tipo de iniciativas e outras relacionadas, como a futura creación do Museo Etnográfico da La, un proxecto de apoio ás tradicións, á cultura, ao que, neste caso, é Cabanas como vila e como pobo". "Desde a Deputación estaremos ao carón sempre deste tipo de iniciativas se así se nos require", afirmou.

Unha programación ao redor da la

O Concello de Cabanas acollerá ata o 12 de xuño o "Paseo da la", un evento que nace coa pretensión de ser a primeira Feira Internacional de La Artesá con Denominación de Orixe, converténdose nun lugar de encontro das diferentes las de orixe España e do mundo.

No marco deste primeiro "Paseo da la" organizaranse diversas actividades, comezando o venres 10 de xuño, cando se levará cabo un desfile ás 20h para amosar as creacións creadas a partir deste tecido, que terá lugar no Paseo da Madalena.

A partir dese día, o sábado 11 e o domingo 12 de xuño, levarase a cabo a II edición de "El Mundo Teje", un evento internacional de fala hispana para dar a coñecer empresas vencelladas á la e fomentar a economía circular en países hispano falantes. Así, o sábado 11 de xuño emitirase en directo a través de Zoom o evento, con pequenos grupos que permitirán ás persoas participantes coñecerse mentres tecen en compañía, gozando das representacións de cada proxecto. Algunhas das persoas participarán de maneira presencial (en horario de 12.00 a 19.00h) nunha carpa situada en Cabanas, e outras poderán facelo a través de Internet, desde diferentes países. Ademais, coincidindo co Día Mundial de Tecer en Público, habilitarase un espazo no que a xente que queira poderá achegarse a tecer en público.

En paralelo co resto de actividades desenvolverase a I Feira Lanar con Denominación de Orixe Artesá, no que as persoas participantes que se despracen até Cabanas poderán amosar os seus produtos, e se levarán a cabo faladoiros (2 o sábado e 1 o domingo), que versarán sobre "Las con D.O.: pasado, presente e futuro", "Técnicas téxtiles: poñendo en valor as súas ensinanzas" e "Manexo da la".

A entrada ao Paseo da La é libre e gratuíta.