Estás en:Novas

A Deputación lidera o proxecto de recuperación das baterías militares de Ferrol, Ares e Valdoviño

O presidente provincial, Valentín González Formoso, adiantou os pasos a seguir para saldar unha "débeda histórica con Ferrolterra"

A Deputación deseñará o proxecto de rehabilitación, porá en marcha un Plan Director e negociará co Estado, xunto aos concellos de Ares, Ferrol e Valdoviño, a cesión destas infraestruturas para empezar a súa rehabilitación

Ademais, comezará negociacións coa secretaría de Estado de Turismo para financiar esta posta en valor do patrimonio galego

"Hoxe concretamos un proxecto para recuperar a dignidade do patrimonio militar de Ferrol, da súa ría e do seu entorno vinculado á base naval de Ferrol nos séculos XIX e XX"

A Deputación lidera o proxecto de recuperación das baterías militares de Ferrol, Ares e Valdoviño

A Deputación será a encargada de deseñar o proxecto de recuperación, nunha primeira fase, das baterías militares de Ferrolterra que foron abandonadas durante décadas e que forman parte do patrimonio de Galicia cun atractivo histórico e turístico que aínda está sen explotar. Tamén negociará, en primeiro lugar, co Estado a cesión das baterías para iniciar canto antes a súa rehabilitación, e, por outra banda, coa Secretaría de Turismo canto á posibilidade de financiar este conxunto de actuacións.

Así o confirmou hoxe o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nun encontro que mantivo no Concello de Ferrol co alcalde da cidade, Ángel Mato, e cos rexedores de Ares e Vadoviño, Julio Iglesias e Alberto Fernández, para concretar os pasos a seguir na recuperación das baterías militares de Ares, Campelo (Valdoviño) e Monte Ventoso e Prior (Ferrol). Na reunión de traballo participaron ademais a deputada provincial Ana Lamas e os concelleiros de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, e Urbanismo, Julián Reina.

González Formoso asegurou que a Deputación porá en marcha un Plan Director como instrumento para dotar á actuación dunha visión global, de conxunto, e tamén estratéxica que permita continuar rehabilitando o resto de infraestruturas históricas e militares que foron abandonadas durante anos.

"Hoxe concretamos un proxecto para recuperar a dignidade do patrimonio militar de Ferrol, da súa ría e do seu entorno vinculado a base naval de Ferrol nos séculos XIX e XX. As baterías defensivas da costa son un sinal de identidade desta cidade e desta comarca que por desgraza durante décadas se deixaron abandonadas e agora se atopan nunha situación indigna", criticou o máximo mandatario provincial. Incluso apuntou que este esquecemento por parte das administracións sobre o patrimonio ferrolán foron "unha falta de respecto ao esforzo humano, e de xeracións de ferroláns, e tamén para os que fixeron o servizo militar durante décadas nesas instalacións. É unha situación que imos corrixir".

Destacou a importancia histórica destas infraestruturas defensiva ás que comparou coas de Normandía pola súa importante riqueza histórica que atesouran.

Por estes motivos, o presidente da Deputación amosou o seu férreo compromiso coa comarca e cos concellos de Ferrol, Valdoviño e Ares para impulsar este proxecto de recuperación co fin de "axudar a divulgar a historia e ou patrimonio de Ferrol convertendo a estes antigos emprazamentos militares nun motivo de orgullo para a cidadanía, de respecto á nosa historia nun importante elemento de dinamización turística para a cidade e a comarca".

Durante a reunión acordouse crear un equipo de traballo con base na cidade de Ferrol para comezar as negociacións coa Secretaría de Estado de Defensa para determinar as cesións da titularidade de cada un destes elementos.

Pola súa banda, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, lembrou que todos os concellos implicados levan meses traballando coa Deputación para levar a cabo este proxecto de rehabilitación "promovendo unha experiencia turística novidosa, sostible, e cun gran valor patrimonial e histórico sobre o sistema defensivo dos pasado séculos", apuntou. Ademais engadiu que este proxecto reforzará a candidatura da cidade de Ferrol como Porto da Ilustración a Patrimonio Mundial da UNESCO.

O alcalde de Valdoviño, Alberto Fernández, agradeceu o apoio e a colaboración da Deputación da Coruña para este proxecto e destacou esa "vinculación dos veciños e veciñas da nosa terra coas baterías polo que se trata dunha actuación moi importante desde o punto de vista social, paisaxístico, cultural. E unha gran nova que se implique a Deputación".

Finalmente, o alcalde de Ares, Julio Iglesias, sinalou que levar a cabo o plan de conservación para as baterías resulta imposible para o seu concello que non conta cos recursos suficientes para acometelo polo agradeceu a Formoso o seu compromiso e apuntou que "espera que pronto sexa una realidade".