Ábrense as inscricións para asistir ao primeiro Congreso Internacional sobre O Reino Medieval de Galiza
O simposio organizado pola Deputación da Coruña terá lugar do 19 ao 22 de setembro en Santiago de Compostela cunha programación intensiva e gratuita
É importante salientar que neste congreso se permite a inscrición de xeito individual en cada un dos relatorios. As inscricións deben realizarse a través da web www.reinomedievaldegalicia.gal
A área de Cultura da Deputación da Coruña, abriu hoxe as inscricións para o Congreso Internacional «Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval de Galicia» que se celebrará en diferentes espazos da capital galega. Os relatorios serán no Museo do Pobo Galego e o programa musical na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval.
A intensa programación é pública desde hoxe na páxina oficial do evento www.reinomedievaldegalicia.gal, onde tamén se facilita o proceso de inscrición de balde nos diferentes bloques temáticos das relatorías, e estará aberto ata o próximo 10 de setembro. É importante salientar que neste congreso, como xa se anunciara o día da súa presentación, se permite a inscrición de xeito individual en cada un dos relatorios.
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, fai fincapé na importancia deste congreso "por estar enfocado para todo tipo de público interesado na nosa historia medieval, e porque será unha oportunidade única para coñecela desde o rigor científico e académico, desde múltiples perspectivas de estudo, e contextualizada en convivencia con outras culturas". O deputado provincial lembra que o congreso está enmarcado na liña de traballo da área de Cultura da Deputación da Coruña que ten por obxecto socializar e divulgar a historia medieval galega, e que inclúe o Fondo de proxectos culturais Reino de Galiza convocado a comezos deste ano.
O programa está deseñado para debullar este longo período histórico en chave galega, do que aínda pouco se sabe, xa que «no que á Idade Media se refire, tres obstáculos dificultaron o seu estudo en Galicia. En primeiro lugar os prexuízos que gravitan sobre a percepción do período, pois os movementos liberais do século XIX dirixíanse contra un modelo de sociedade antagónico, o feudal, cunha carga notoriamente pexorativa do termo. En segundo lugar, en España pesaba o modelo historiográfico dominante que só daba cabida a unha historia nacional e suxeitaba as periféricas ao esquema centralista. E en terceiro lugar, operou negativamente a discontinua evolución da investigación histórica na propia Galicia» di Anselmo López Carreira, curador científico do congreso, que asegura que a isto, súmanse as «sucesivas crises políticas e culturais que se padeceron, primeiro no tránsito do século XIX ao XX e despois a raíz do golpe do 36 e boa parte da ditadura, que supuxeron as respectivas interrupcións e mesmo o retroceso no proceso de elaboración da historia de Galicia».
Programa
Son varias as temáticas que se abordarán para entendermos o Reino Medieval de Galiza. O arrinque, no 19 de Setembro, estará marcado por relatorios coma a do americano Ramón Grosfoguel, profesor na Universidade de Berkeley (California), experto en Estudos Étnicos, que establecerá unha comparativa entre a conquista do reino de Galiza e a conquista de Al-Ándalus. Na mesma liña estará a relatoría de Jaume Sobrequés, da Universidade Autónoma de Barcelona, que exporá un exemplo historiográfico alternativo a través da comparanza entre a historiografía catalá e a española. O Reino Suevo estará tamén de manifesto coa intervención de Pablo C. Díaz Martínez, profesor da Universidade de Salamanca.
No día a seguir, Mariña Bermúdez Beloso investigadora da Universidade de Santiago de Compostela, trazará un mapeamento para comprendermos a vertebración da Galicia medieval. De seguido, unha das relatorías de destaque é a de Carlos Andrés González Paz, investigador do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento e do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que centrará a súa intervención na socioeconomía agraria da Galiza medieval, focándose na viticultura nas terras de Mondoñedo.
O 21 de setembro, o investigador Héitor Picallo abordará o Reino de Galiza a partir da simboloxía e, en particular, a súa heráldica no contexto europeo. De seguido, a catedrática da USC, Mercedes Brea López falará da lírica trobadoresca galega, nunha intensa xornada que se culminará ás 19:30h na igrexa do convento de San Domingos de Bonaval co concerto de Resonet, co espectáculo «Gallecianis resplendet», froito dunha pesquisa sobre a música da Galiza medieval.
No día da clausura, o propio curador científico do Congreso, Anselmo López Carreira, eminencia galega nos estudos sobre o Reino Medieval de Galiza, traerá á platea unha reflexión sobre o lexitimismo galego entre Portugal e Inglaterra.