A Deputación inviste 140.000 euros para abastecer de auga potable ás parroquias de Sta María de Rodeiro e Trasanquelos en Oza
As obras, incluídas no Plan Único, contemplan una nova estación de bombeo, un sistema de impulsión e un depósito regulador que permita abastecer de auga potable ás zonas altas do Concello de Oza-Cesuras
A Deputación da Coruña financia con 140.000 euros as obras de construción da rede de abastecemento de auga ás parroquias de Santa María de Rodeiro e Trasanquelos cun investimento de 140.000 euros, no concello de Oza-Cesuras.
A Deputación continua, deste xeito, satisfacendo as demandas das zonas rurais da provincia que durante anos careceron de certos servizos públicos básicos como no caso das parroquias das zonas altas do concello de Oz-Cesuras. Desde a súa creación en 2017, o Plan Único financiou máis de 300 obras do ciclo da auga (abastecemento e saneamento) cun investimento superior aos 37 millóns de euros, permitindo dotar deste servizo básico a moitas zonas rurais da provincia.
As parroquias de Santa María de Rodeiro e Trasanquelos atópanse por riba da cota 300, altura na que se encontra a Estación de Tratamento de auga Potable ETAP de Oza. De feito, todas as zonas por riba desta cota necesitan actuacións especiais para resolver as eivas de altura e distancia posto que non teñen a posibilidade de acceder aos servizos hidráulicos municipais. Na actualidade dispoñen de auga a través de captacións de pozos ou mananciais pero o abastecemento é precario e aumenta o risco de contaminación dos pozos na época de seca.
Co fin de paliar este déficit no servizo de abastecemento contémplanse as obras de instalación dunha estación de bombeo en Castro, que permita conectar a rede principal municipal coas zonas máis altas do concello, como son o caso de Santa María de rodeiro e Trasanquelos. A estación de bombeo, dotada dun depósito regulador e dun novo sistema de impulsión permitirá aos veciños e veciñas destas parroquias conectarse a rede principal e deste xeito non dependerán da situación dos pozos da zona.
Está previsto que a dotación de abastecemento integral para todas estas parroquias das zonas altas do concello se realicen por fases, de forma que cada fase sexa unha obra completa.