Estás en:Novas

Formoso subliña a importancia do desenvolvemento de proxectos no ámbito das enerxías renovables para o crecemento industrial de Galicia

O presidente provincial participou hoxe na xornada 'Zona Franca de Vigo, obxectivos estratéxicos', na Confederación de Empresarios da Coruña

Considera unha equivocación que Galicia rexeite simplificar os trámites para a instalación das renovables, mentres outras comunidades autónomas aproveitan esta oportunidade que ofrece a Unión Europea

Para Formoso, Galicia debe contar cun plan "para o sector industrial" e "non apostar única e exclusivamente por un proxecto que se chama Camiño de Santiago"

Formoso subliña a importancia do desenvolvemento de proxectos no ámbito das enerxías renovables para o crecemento industrial de Galicia

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na xornada 'Zona Franca de Vigo, obxectivos estratéxicos', organizada na Confederación de Empresarios da Coruña, e puxo sobre a mesa a importancia estratéxica que ten para Galicia, "no escenario inédito no que nos atopamos", o desenvolvemento de proxectos no ámbito das enerxías renovables que garantan a autosuficiencia enerxética da nosa comunidade, reduzan a factura eléctrica de fogares e empresas e permitan a viabilidade de proxectos industriais dos que dependen miles de empregos.

O presidente provincial centrou o seu discurso na consecución deste obxectivo trala recente decisión da Unión Europea de permitir axilizar e simplificar os trámites administrativos dos proxectos de implantación de enerxías renovables. "Á necesidade que xa tiñamos de substituír os combustibles fósiles por outros non emisores como as renovables, agora súmase a necesidade urxente de reducir a dependencia enerxética do gas ruso ou arxelino", explicou.

Ante este novo escenario, Formoso cualificou de "equivocada" a decisión que se adoptou esta semana no Parlamento Galego de non facilitar esa tramitación simplificada xa que "a situación no sector industrial en Galicia é difícil". Neste sentido, detallou que outras comunidades autónomas como Andalucía, Navarra, La Rioja ou Castilla- La Mancha, xa apostaron por simplificar os trámites de implantación das renovables.
Non se pode apostar só polo Camiño de Santiago.

"O Instituto Nacional de Estatística di que mentres en España aumenta a produción industrial un 2%, en Galicia redúcese un 7%. Podería ser unha casualidade se non fora porque esta tendencia se mantén ao longo dos anos, principalmente por ter unha visión política, desde o meu punto de vista, absolutamente errónea, que aposta única e exclusivamente por un proxecto que se chama Camiño de Santiago, que me parece enormemente poderoso, a protexer por todas e todos, pero non podemos obviar o obxectivo da Unión Europea de chegar, para o 2030, a o sector industrial supoña un 20% do PIB", afirmou.
"Debemos reflexionar se este é o camiño porque, ao final, este tipo de decisións lévannos a facer populismo desde as institucións, sen reflexionar se ese proxecto enerxético aporta valor no país, se é especulativo ou non, se leva aparellado un proxecto industrial estratéxico ou non", afirmou Formoso.

O presidente lembrou que proxectos industriais estratéxicos da economía galega como Alcoa ou Stellantis dependen en boa medida de que que se podan implantar ou non parques eólicos que garantan o suministro enerxético a un prezo competitivo.

Na súa intervención González Formoso invitou a "facer unha reflexión sobre que queremos ser neste país no ámbito industrial, con 60.000 postos de traballo menos nos últimos anos e á cola das comunidades autónomas no índice de produción industrial".