Estás en:Novas

A Deputación da Coruña deseña un plan antifraude para facer unha adecuada xestión dos fondos Next Generation

Esta ferramenta, que se levará mañá a pleno para a súa aprobación, tamén será posta a disposición dos concellos da provincia

Crearase un Comité antifraude para avaliar e mellorar as medidas preventivas, detectar incumprimentos e levar a cabo procedementos de natureza correctora

Valentín González Formoso destaca a importancia de "seguir implantando mecanismos para facilitar a consecución e xestión dos fondos europeos de recuperación nos concellos da provincia

A Deputación da Coruña deseña un plan antifraude para facer unha adecuada xestión dos fondos Next Generation

A Deputación da Coruña levará a pleno mañá xoves, 23 de xuño, unha proposta de aprobación do Plan Xeral de Prevención de Riscos e Medidas Antifraude (PREMADECOR), que ten o obxectivo principal de garantir unha adecuada xestión dos fondos europeos Next Generation.

Coa aplicación desta nova ferramenta, a Deputación comprométese a reforzar unhas prácticas en todos os seus estamentos que non deixen ningunha marxe de actuación a condutas irregulares, corruptas ou fraudulentas e que, en tal caso, estes se detecten e se recobren para o erario público os fondos mal aplicados no prazo máis breve posible.

A posta en funcionamento dos mecanismos antifraude teñen como finalidade principal a protección dos fondos europeos que se canalizan a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, que serán cruciais para o desenvolvemento de proxectos que melloren a vida dos cidadáns e os servizos dos que dispoñen nos diferentes territorios.

Por iso, o PREMADECOR xogará un papel fundamental para garantir que estes fondos Next Generation se usen de conformidade coas normas aplicables, en concreto no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude e á corrupción e o conflito de intereses.

A eficacia e plena aplicación deste plan conseguirase coa creación do Comité antifraude da Deputación da Coruña (CADECOR), que terá a función de avaliar e mellorar de xeito continuo as medidas preventivas, detectar posibles incumprimentos e levar a cabo procedementos de natureza correctora.

O presidente Valentín González Formoso, destaca a importancia de ter "tolerancia cero coa fraude e apostar por reforzar a transparencia e os mecanismos de bo goberno". "Este plan é unha mostra máis do noso compromiso de seguir implantando mecanismos para facilitar a consecución e xestión dos fondos europeos nos concellos da provincia", afirmou Formoso, que lembrou que a Deputación da Coruña puxo en marcha a primeira oficina de Galicia que ofrece apoio técnico aos municipios na xestión de proxectos susceptibles de seren financiados con fondos Next Generation, co obxectivo de "aproveitar a oportunidade histórica" que supoñen estes fondos europeos cara á recuperación.

Neste sentido, Formoso anunciou tamén que no pleno de mañá, a Deputación aprobará dous convenios coa Axencia de Turismo de Galicia para a execución dos Plans de Sustentabilidade Turística (PSTD) das Fragas do Eume e o Xoeparque do Ortegal, ambos os dous con fondos Next Generation UE, por importe de 3 millóns de euros.

Unha ferramenta posta a disposición dos concellos coruñeses

A Deputación, consciente de que este tipo de plans serán de obrigada e intensa aplicación no caso de recibir fondos europeos, pon o PREMADECOR a disposición de todos os concellos da provincia que desexen adherirse, establecendo distintos niveis de participación.

O primeiro nivel, que se oferta a todos os concellos da provincia sen excepción, só implica a adhesión ao plan pero, unha vez aprobado, será de exclusiva competencia municipal.

No segundo grao, que poderá acordarse cos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais da adhesión poderase encomendar á administración provincial a xestión das funcións de avaliación de riscos.

Por último, no terceiro nivel, tamén ofertado aos concellos de ata 10.000 habitantes, ademais do acordo de adhesión poderase delegar a prol da Deputación as funcións de avaliación de riscos, a utilización da canle de bo goberno e denuncias, a análise e seguimento do plan e mesmo a tramitación e resolución dos expedientes.