Estás en:Novas

Formoso destaca a importancia de apostar pola innovación para o futuro da industria e a economía de Galicia

Asistiu en Santiago á entrega dos premios Peme do Ano, que gañou a empresa naronesa do sector naval Gabadi SL

Formoso destaca a importancia de apostar pola innovación para o futuro da industria e a economía de Galicia

A empresa Gabadi, dedicada ao sector naval, recibiu hoxe o Premio Peme do Ano 2022 da Coruña, un galardón que conceden o Banco Santander e as Cámaras de Comercio de Santiago de Compostela e da Coruña, en colaboración coa Cámara de España e o diario La Voz de Galicia.

Ademais, concedéronse catro accésits nas categorías de Internacionalización; Innovación e Dixitalización; Formación e Emprego; e Empresa Sostible.

O CEO da Empresa Gabadi, Antonio José Llago Hermida, foi o encargado de recoller o premio, nun acto que se celebrou na sede da Cámara de Comercio de Santiago e que contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, o vicepresidente da entidade cameral santiaguesa, José Carballo García, o director xeral da Cámara de Comercio da Coruña, Manuel Galdo Pérez, o director xeral de Comercio, Manuel Heredia Pérez; a directora territorial do Banco Santander en Galicia, Rocío Pazos Toba e; o director da Voz de Galicia, Xosé Luís Vilela Conde.

Na súa intervención, Formoso destacou que todas as empresas premiadas teñen un nexo común: a aposta pola innovación, que debe formar parte do futuro da industria e a economía de Galicia.

O presidente da Deputación subliñou que a provincia da Coruña "é o motor económico de Galicia" e felicitou as empresas galardoadas, animándoas a seguir creando emprego e oportunidades de futuro en Galicia.

Gabadi é unha empresa do sector naval, que se esforza diariamente para proporcionar aos seus clientes produtos e servizos de calidade, respectando ao máximo o medio, mediante a implementación dos sistemas máis sostible. Comprometidos con garantir a oportunidade de medrar profesionalmente aos seus traballadores, mediante a mellor das súas competencias. O seu principal obxectivo, ocupar unha posición de liderado dentro do seu sector, mediante a excelencia profesional, a diferenciación, que obteñen grazas á súa aposta por proxectos de I+D+i, e a súa crecente presenza internacional.

O Accésit de Internacionalización, outorgouse á Empresa INELTRON, especializada na prestación integral de servizos de enxeñería, montaxe, posta en marcha e mantemento de sistemas eléctricos, de instrumentación e control en plantas industriais.

O Accésit de Innovación e Dixitalización, recaeu en Empresa BIONIX, simplifica o traballo dos profesionais da cadea de subministración de todo o mundo optimizando a loxística de entrada e saída, as vendas en liña, a xestión de inventario unificado e rendemento dos provedores.

O Accésit á Formación e o Emprego concedeuse a Empresa DIMALNOX, empresa moderna e innovadora, especializada na carpintería metálica, cunha gran capacidade de fabricación, que garante aos seus clientes subministracións de forma estable, satisfacendo en todo momento calquera demanda coa maior puntualidade nas entregas, achegando o saber facer e a calidade dos seus produtos.

E, por último, o Accésit de Empresa Sostible da Coruña foi para ACCTIA AMBIENTAL, deseña e xestiona solucións integrais que favorecen a sustentabilidade das industrias, a economía circular e a loita contra o cambio climático.