Estás en:Novas

Formoso destaca que a nova Aula Navantia-Siemens situará “o campus de Ferrol na vangarda da transformación dixital do sector naval”

O presidente provincial participou hoxe no acto de inauguración desta aula pioneira aberta pola Universidade da Coruña

"A alianza entre Navantia, Siemens e UDC é un gran exemplo de colaboración público-privada", afirmou

Os contidos da aula están aliñados coas solucións 'end to end' que Navantia está implementando no seu programa de transformación dixital e coas ferramentas do PERTE Naval

Formoso destaca que a nova Aula Navantia-Siemens situará “o campus de Ferrol na vangarda da transformación dixital do sector naval”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no Campus de Ferrol na inauguración da Aula Navantia-Siemens, unha Academia coa que se pretende impulsar a formación na transformación dixital do sector naval.

No acto; no que tamén participaron o vicepresidente primeiro da Xunta, Francisco Conde, o reitor da UDC, Julio Abalde, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, o director de Navantia Ferrol, Eduardo Dobarro, e o director do Centro de Excelencia do Sector Naval (CESENA) de Siemens, Javier Fernández; Formoso destacou que esta iniciativa permitirá situar "ao campus de Ferrol na vangarda da transformación dixital do sector naval".

Os contidos da aula estarán aliñados coas solucións tecnolóxicas 'end to end' que Navantia xa implementa no seu programa de transformación dixital e coas ferramentas que se incluirán no recentemente aprobado PERTE Naval. Durante a súa intervención o presidente provincial explicou que "nos próximos anos teremos a fortuna de ver saír das gradas do estaleiro un novo tipo de buque, que ademais ten proxección a nivel internacional, e, polo tanto, hai que acompañar ese programa con máis avances na dixitalización, basicamente buscando un concepto, a competitividade, que vai definir o seu futuro".

A aula forma parte dun dos eixes estratéxicos do Cesena: a formación. Recentemente este Centro lanzou o programa educativo Marine Digital Twin, que ten como obxectivo certificar aos profesionais da industria naval arredor de todas as tecnoloxías relacionadas co Xemelgo Dixital e Estaleiro 4.0.

"Para nós como Deputación e como provincia sede de estaleiro é unha tranquilidade ver que se está a facer moi bo traballo e que esteamos todas as institucións implicadas dá garantías de que isto poida ser unha realidade", salientou Formoso, que cualificou este acordo como "un gran exemplo de colaboración público-privada". "A alianza Navantia-Siemens-UDC permitirá situar ao campus de Ferrol na vangarda da transformación dixital do sector naval", subliñou.

Formación especializada para o estudantado

O obxectivo é que o Campus Industrial de Ferrol conte con todas as tecnoloxías que Siemens integra no seu portfolio Xcelerator. O estudantado poderá formarse nas ferramentas de deseño naval, como son NX ou Foran; de simulación e validación do deseño, entre as que se inclúen Star CCM+ ou Heeds; de simulación do estaleiro, como é o caso de Plan Simulation; de PLM, como é TeamCenter; de acceso ás plataformas de IoT, a través de MindSphere; e de programación de low code, entre as que destaca Mendix.

Todas estas ferramentas, no contorno do Xemelgo Dixital, permiten a fabricación dun buque completo, desde a súa concepción inicial ou simulación, ata a fase final de servizo e mantemento. Un revolucionario concepto que logra aforrar tempo na posta en marcha dos proxectos, reducir custes e acadar unha maior flexibilidade e eficiencia na produción.

O acordo tamén contempla o acceso á plataforma educativa Xcelerator Academy, que inclúe un completo programa de cursos para que tanto o alumnado como o profesorado poida formarse nas ferramentas dixitais incluídas no acordo.