Estás en:Novas

O Pazo de Mariñán acolle de novo a Escola de Verán do Poder Xudicial, que analizará a relación entre América e España

Formoso destaca a "intensa relación que une aos galegos e galegas con América" e valora a importancia do CXPX, "un dos órganos máis importantes para que a nosa democracia funcione correctamente"


A XXIV edición destas xornadas celebrarase entre o 5 e o 15 de xullo e haberá mesas redondas nas que participarán expertos en formación xudicial, directivos de empresas, maxistrados e catedráticos

O Pazo de Mariñán acolle de novo a Escola de Verán do Poder Xudicial, que analizará a relación entre América e España

O Pazo de Mariñán acolle, outro ano máis, a Escola de Verán do Poder Xudicial, organizada polo Consello Xeral do Poder Xudicial e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, en colaboración coa Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia, que do 5 ao 15 de xullo celebrará a súa vixésimo cuarta edición e que está organizada baixo o título 'América y España, un proyecto común'.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, asistiu esta mañá ao acto inaugural da Escola de Verán, xunto ao presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; vogais do CXPX, o presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, José María Gómez y Díaz-Castroverde, e o fiscal superior de Galicia, Fernando Suanzes.
"Non poderiades ter escollido un mellor lugar que Galicia para abordar o tema que vos ocupará durante estas xornadas xa que, quen entende mellor que un galego a relación entre América e España?", expresou Formoso, que destacou "a intensa relación que une aos galegos e galegas con América, unha terra repleta de familias con historias de emigración".
O presidente provincial tamén fixo referencia ao "nivel destas xornadas, que congregan a membros destacados do Consello Xeral do Poder Xudicial, un dos órganos máis importantes para que a nosa democracia funcione correctamente".
Perspectiva xudicial española e americana
Nestas xornadas analizarase a perspectiva española e americana en asuntos como a emigración ou os dereitos fundamentais e a tutela xudicial efectiva. Ademais, estudarase a axenda xudicial do século XXI desde o punto de vista do Cume Xudicial Iberoamericano, así como os numerosos intereses que unen a América e a España, entre eles os económicos, para o que se contará coa presenza de directivos de Abanca, Telefónica e Repsol.
A cooperación na formación xudicial tamén será tratada nunha mesa redonda, na que intervirán o director da Escola Xudicial Española, Jorge Jiménez Martín; a directora da Escola Xudicial Rodrigo Lara Bonilla de Colombia, Mary Luceiro Novoa Moreno; e o director da Escola Nacional da Xudicatura de República Dominicana, Dariel Suárez Adames.
A conferencia inaugural será impartida polo presidente da Corte Interamericana de Dereitos Humanos, Ricardo Pérez Manrique, quen profundará no dereito á tutela xudicial efectiva, mentres que o presidente do Foro Iberoamericano de Dereito Administrativo e catedrático-director do Grupo de Investigación de Dereito Público Global da Universidade da Coruña, Jaime Rodríguez Arana, clausurará o curso cun relatorio titulado O Dereito Administrativo Español en Iberoamérica: retos e desafíos do noso tempo.
Nesta edición da Escola de Verán, de cuxa dirección académica se encargan os vogais do CGPJ Juan Manuel Fernández e Álvaro Custa, tamén participarán, nunha mesa redonda sobre a axenda xudicial de XXI, o letrado do Gabinete Técnico do Tribunal Supremo Jorge Carrera Domenech; o presidente da Audiencia Provincial de Madrid, Juan Pablo González-Ferreiro González; e os vogais do CGPJ Clara Martínez de Careaga e Juan Martínez Moya. Pola súa banda, a profesora titular de Historia de América na Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao Vila; a catedrática en Socioloxía da Universidade da Coruña Laura Ouso Casas; e o secretario xeral da Oficina de Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, darán diferentes visións da emigración.