Estás en:Novas

Un total de 156 persoas participaron no programa formativo do proxecto Gefrecon, impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración co CEIDA

Creación de empresas forestais e cursos de prevención e protección ante incendios forestais foron as temáticas dos cursos

Un total de 156 persoas participaron no programa formativo do proxecto  Gefrecon, impulsado pola Deputación da Coruña en colaboración co CEIDA

A Deputación da Coruña ven de presentar , en colaboración co Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) , os resultados acadados no programa formativo do proxecto "Gestión Forestal Conjunta para la prevención de Incendios Forestales en Territorio POCTEP", dirixido a diferentes axentes sociais en relación á xestión forestal dos territorios e autoprotección contra incendios forestais. Estes cursos, gratuitos e en formato online, contan cun valor engadido agora que chega a tempada estival.

Galicia é unha comunidade autónoma que garda aptitudes forestais de gran valor e importancia. De feito, é unha das poucas nas que se pode falar con propiedade da existencia de un auténtico sector forestal: dous terzos da superficie galega teñen a consideración de forestais. Toda a provincia da Coruña está marcado polo chamado "clima atlántico", de carácter moi húmido e que lle confire a cor verde que o caracteriza, pero isto non nos salva do risco de incendios, posto que existen importantes episodios anuais de falta de precipitacións que, xunto a outros factores como o vento ou a temperatura, posibilitan a súa aparición. De feito, segundo o "Plan de Defensa Contra os Incendios Forestais de Galicia" (PLADIGA) nas demarcacións da provincia da Coruña a cantidade de lumes aumentou ó redor dun 34% na última década.

Neste sentido, no marco do proxecto Gefrecon, realizáronse catro cursos formativos adaptados a diferentes axentes con implicacións sociais:

"Curso de creación de empresas forestais e/ou apoio para optimizar métodos de traballo", dirixido a agricultores, gandeiros, empresas de turismo, etc. que queiran mellorar os seus procesos, a persoas que teñan pensado emprender no ámbito forestal e a outros axentes vencellados directamente a dito eido forestal.

"Curso de plans de prevención, autoprotección, actuación e xestión relativos aos incendios forestais para administracións públicas", dirixido este a persoal técnico das diferentes administracións públicas, sobre todo de concellos rurais. Informar sobre os problemas dos incendios, da mala xestión do territorio, así como expoñer medidas de actuación e exemplos de éxito na xestión forestal eran obxectivos deste curso.

"Curso de medidas de autoprotección e prevención de incendios forestais orientadas a axentes do territorio", o cal era máis xeneralista en canto a público obxectivo, e marcaba como finalidade desenrolar plans de prevención e redución de impacto de incendios forestais facilitando a correcta autoprotección de infraestruturas.

Por último, tamén se desenvolveu un "Curso de medidas de autoprotección e prevención de incendios forestais orientado a formadores e educadores", dirixido a todos aqueles axentes do ámbito educativo e da capacitación de cara a que podan xerar conciencia no seu ámbito educativo/formativo.

Estes cursos, de 20 a 40 horas de duración, foron realizados por un total de 156 persoas maioritariamente persoal da administración pública, axentes do territorio, formadores e educadores.

Resulta necesario na actual situación que está a vivir o monte galego aportar os recursos para o axeitado mantemento e conservación das súas masas forestais, e para isto a formación e a capacitación son as ferramentas principais coas que se pode contar.

Estas actividades formativas forman parte do proxecto europeo GEFRECON, que se enmarca no Programa operativo de cooperación transfronteiriza España Portugal (POCTEP) e está cofinanciado polo fondo FEDER.