#HoxeEscriboEn 2022
Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña
Comeza a edición 2022 do Concurso #HoxeEscriboEn. Bótalle un ollo ás bases e participa enviando o teu relato desde o formulario web, podes gañar desde unha estancia para dúas persoas de dúas noites en establecementos da provincia da Coruña, ata unha cea, ou un lote de produtos da provincia... Anímate e participa!
Bases
#HoxeEscriboEn 2022 _ Persoas adultas
Relatos para viaxar polos concellos da provincia da Coruña
1. Primeira. – Obxecto
O obxecto do concurso é o fomento do talento creativo, a animación á escritura e á lectura, e a difusión do patrimonio cultural e turístico dos concellos da provincia da Coruña; axudando a sensibilizar sobre o patrimonio cultural, natural e medioambiental de cada un, e a importancia de preservalo. Para iso a Biblioteca provincial xunto coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña convocan un concurso de relatos da provincia.
2. Segunda. – Participantes
Poderán participar todas as persoas físicas, maiores de idade, usuarias ou non da Biblioteca Provincial da Deputación da Coruña, de xeito libre. Quedan excluídas todas aquelas persoas con calquera tipo de relación laboral coa Biblioteca provincial e coa Sección de Turismo da Deputación da Coruña.
3. Terceira. – Formato
Os relatos presentados ambientaranse ou referiranse a un concello da provincia da Coruña, non será necesario que o autor viva nel, e poderán estar relacionados coa historia local, lendas propias, tradicións do pobo, persoeiros destacados, os valores positivos do concello, a riqueza natural, cultural ou medioambiental do concello, ou calquera outro aspecto que axude a resaltar o patrimonio do concello.
Deberán estar escritos en galego ou castelán, ser inéditos e non ter sido presentados en ningún outro concurso.
O texto terá unha extensión entre 500 e 2.000 palabras, escritos a dobre espazo con letra Times New Roman, en corpo 12, tamaño DIN-A4 e unha soa cara. Presentarase como un arquivo de texto en formato .doc, .docx ou .odt.
4. Cuarta. – Forma de presentación
A presentación dos relatos deberá ser a través do correo electrónico ou do formulario habilitado en www.dacoruna.gal/biblioteca.
Por correo electrónico: cada participante enviará unha mensaxe a biblioteca.info@dacoruna.gal, co seu nome e apelidos, concello da provincia desde o cal participa e no que se ambienta o relato, teléfono de contacto e enderezo postal.
Deberá enviar como arquivo adxunto a esta mensaxe o relato en formato .doc, .docx ou .odt.
Mediante formulario: cada participante realizará unha inscrición no formulario dispoñible aquí cubrindo a totalidade dos datos que se solicitan.
Cada persoa poderá participar cantas veces queira, enviando un correo electrónico ou un formulario por cada participación.
5. Quinta. - Prazo de presentación
O prazo de presentación das fotografías é do 15 de xullo ao 15 de setembro de 2022, ámbolos dous incluídos. Non se considerarán propostas presentadas fóra deste prazo.
6. Sexta. – Xurado
Os relatos serán valorados por un xurado especializado, e a súa decisión será inapelable. A valoración basearase en criterios de orixinalidade, calidade na redacción, calidade lingüística e aproximación á temática proposta nas bases primeira e terceira.
O nome da persoa gañadora darase a coñecer no mes de setembro ou outubro de 2022.
7. Sétima. –Premio
O primeiro premio consistirá nunha estancia para dúas persoas de dúas noites, con almorzo incluído, nun establecemento de tipo cabanas rurais da provincia da Coruña.
O segundo premio consistirá nunha estancia para dúas persoas dunha noite, con almorzo incluído, nunha casa rural da provincia da Coruña.
O terceiro premio consistirá nunha comida ou cea para dúas persoas nun establecemento da provincia da Coruña.
Ademais entre os participantes sortearanse varios lotes de produtos da provincia.
As persoas que resulten galardoadas recibirán a comunicación por teléfono ou correo electrónico e publicaranse nas redes sociais e web da biblioteca.
A data de desfrute da viaxe será concretada coa persoa gañadora, unha vez concedido o premio.
8. Oitava. –Entrega do premio
A entrega dos premios terá lugar nun acto público que se realizará na Biblioteca provincial da Deputación da Coruña. Salvo por razóns de forza maior, as persoas gañadoras deberán estar presente no acto de entrega do premio.
Os lotes de produtos da provincia, que sorteará cada concello, serán enviados por correo postal ao enderezo sinalado polos participantes na súa mensaxe de participación, tal e como se solicita na base cuarta.
9. Novena. – Dereitos e deberes
A participación no concurso leva aparellada a autorización para publicar os relatos, xunto co nome e apelidos das persoas participantes, nos diferentes medios impresos e dixitais que utiliza a Biblioteca, e a Deputación da Coruña; incluídas as redes sociais e a plataforma de préstamo dixital EbiblioDaCoruna.
Os relatos presentados ao concurso de xeito incompleto ou que non se axusten ou incumpran as bases, así como aqueles de contido inadecuado, serán excluídos.
A participación no concurso implica a aceptación total destas bases, e que os participantes se fan responsables da autoría e contido dos relatos, que non vulnerarán os dereitos de honra, intimidade persoal / familiar e á propia imaxe de terceiros.