Máis de 50 efectivos e 20 vehículos de bombeiros do Consorcio Contraincendios da Coruña loitan contra os incendios que afectan a Lugo e Ourense
Formoso considera que as 30.000 hectáreas arrasadas polo lume en Galicia e o número de vivendas afectadas "son unha razón de peso para declarar zona catastrófica"
"O lume non coñece de cores políticas, pero si de ser solidario e polo tanto puxemos todo o noso esforzo para tentar reducir e minimizar o impacto naquelas vilas e lugares afectados", afirma o presidente
Xosé Regueira sinalou que "xa tocará falar dos sistemas de prevención e doutro modelo de ordenación do territorio, que non converta os montes en gasolina para os incendios"
O presidente da Deputación da Coruña. Valentín González Formoso, e o vicepresidente, Xosé Regueira, visitaron hoxe en Carballo a sede central do Consorcio Contraincendios e Salvamento da Coruña, cuxos bombeiros están colaborando nas tarefas de extinción da vaga de incendios que afectan ás provincias de Lugo e Ourense. Na visita estivo tamén presente o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.
O presidente da Deputación achegouse ao parque provincial de Carballo para avaliar o dispositivo enviado para colaborar na extición dos lumes de Ourense e Lugo principalmente, que está composto por 50 efectivos e 22 vehículos especializados "para achegar o noso grao de area e a nosa solidariedade".
O lume, dixo, "non coñece de cores políticas, pero si de ser solidario e polo tanto puxemos que todo o noso esforzo para tentar reducir e minimizar o impacto naquelas vilas e lugares por onde paso o lume, que arrasou xa 30.000 hectáreas en Galicia e moitas vivendas, máis dun centenar, con máis de 1.500 persoas evacuadas, polo que entendo que é unha razón de peso para declarar á zona como catastrófica", apuntou Formoso.
Pola súa banda o vicepresidente Xosé Regueira destacou que a Deputación da Coruña sempre, non momentos máis duros en Galicia, "busca colaborar e non confrontar, tratando de poñer os medios dos que dispón para axudar onde se necesite".
"Logo desta axuda xa tocará falar dos sistemas de prevención e doutro modelo de ordenación do territorio, que non converta os montes galegos en gasolina para os incendios. Temos que buscar nos montes abandonados alternativas que fagan deles un medio produtivo e que axude a combater momentos coma este", sentenciou Regueira.
Bombeiros dos dez parques comarcais da provincia da Coruña colaboran en quendas no dispositivo de extinción de incendios forestais que afectan a estas provincias cun amplo dispositivo que tenta frear as consecuencia do lume en varios concellos, moi afectados xa polo lume. A Deputación puxo a disposición destas provincias efectivos persoais e medios de extinción co fin de colaborar nas tarefas de loita contra os lumes que afectan á montaña de ambas provincias.