Estás en:Novas

O pleno da Deputación rexeita a Lei Galega do ciclo da auga, “un modelo no que a Xunta invita e os concellos pagan”

A moción aprobada no pleno censura que a lei se aprobara sen diálogo nin consenso por parte do Partido Popular e apunta e "vai en detrimento das entidades locais, que terán que financiar dous terzos do custe das obras"

A lei crea novas taxas para a cidadanía que na propia Memoria Económica presentada pola administración autonómica contempla subas de case 50 millóns de euros dende o primeiro ano de entrada en funcionamento

Insta á Xunta a elaborar un Plan estratéxico consensuado coa FEGAMP que contemple as infraestruturas, o territorio, e o financiamento e as datas de execución das obras

Tamén demanda que a Xunta arbitre as fórmulas necesarias para optar aos fondos Next Generation-EU habilitados para este tipo de infraestruturas de saneamento, depuración e abastecemento

O pleno da Deputación rexeita a Lei Galega do ciclo da auga, “un modelo no que a Xunta invita e os concellos pagan”

A Deputación da Coruña rexeita o contido da nova Lei galega do ciclo da auga, aprobada de maneira unilateral polo Partido Popular en detrimento dos intereses das entidades locais, que terán que financiar dous terzos do custe das infraestruturas destinadas a almacenar, potabilizar, abastecer e depurar auga, mentres que Augas de Galicia, a entidade autonómica competente na materia, so financiará un terzo.

"É un modelo no que a Xunta invita e os concellos pagan, aprobada unilateralmente polo Partido Popular en detrimento dos intereses das entidades locais", afirma o texto da moción impulsada polo Goberno provincial (PSdeG-PSOE e PSOE) e que contou cos votos favorables de Marea Atlántica, a abstención de Alternativa dos Veciños e o único voto en contra do Partido Popular.

A devandita Lei aprobada no Parlamento Galego o pasado 28 de xuño estipula que serán os concellos os que deleguen, se Iles interesa, a xestión na entidade Augas de Galicia para que actúe como entidade prestadora dos servizos de abastecemento, depuración e/ou saneamento, mentres que a capacidade sancionadora segue a estar radicada na entidade Augas de Galicia. Así, os concellos de menos de vinte mil habitantes que se adhiran "voluntariamente" terán que achegar dous terzos da financiamento da totalidade do custe das infraestruturas necesarias para o desenvolvemento do ciclo da auga, é dicir, as infraestruturas para almacenar, potabilizar, distribuír e depurar.

O texto da moción afirma que é un xeito de lexislar de forma coercitiva "influíndo directamente na forma en que cada concello debe prestar os servizos públicos da súa competencia". Isto tradúcese, segundo o texto da moción, en auténticas "axudas selectivas a un ou outro concello por razóns simplemente administrativas" (se delegan ou non en Augas de Galicia), o que supón unha discriminación previa dos concellos que están excluídos e, polo tanto, da súa cidadanía.

Novas obrigas para os concellos e máis taxas para a cidadanía

Neste senso, a lei obriga os concellos a afrontar unha serie de investimentos que en moitos casos non poden asumir, "obviando que o 93% dos concellos galegos teñen menos de 20.000 habitantes, é dicir: A Xunta invita e os concellos pagan"

Por outra banda, a nova lei crea novas cargas fiscais para as persoas beneficiarias dos servizos. En concreto, tres novas taxas e que na propia Memoria Económica presentada pola administración autonómica contemplan subas de case 50 millóns de euros dende o primeiro ano de entrada en funcionamento.

A moción lembra que a Xunta presume de investir 1.100 millóns de euros en infraestruturas relacionadas co ciclo integral da auga, sen revelar que o financiamento desas infraestruturas veu fundamentalmente de fondos europeos, "fondos aos que a maioría dos concellos galegos non poden optar individualmente". E asegura que sen que eses investimentos responderan a un Plan Estratéxico que contemplase as infraestruturas, os territorios, as contías, o financiamento nin as datas de execución, respondendo só ao criterio da propia consellería, diminuíndo a autonomía local.

Neste sentido, a Deputación insta á Xunta a elaborar un Plan Estratéxico consensuado coa FEGAMP que contemple as infraestruturas, o territorio, e o financiamento e as datas de execución das obras e arbitrar as fórmulas necesarias para optar aos fondos Next Generation-EU habilitados para este tipo de infraestruturas de saneamento, depuración e abastecemento de auga.