O Congreso Internacional sobre o Reino da Galiza poderá ser visto desde calquera parte do planeta
O simposio organizado pola Deputación da Coruña será retransmitido ao vivo na súa web e permitirá o debate telemático
A retransmisión telemática amplía as posibilidades de asistencia, dado o interese que suscitou o evento, que esgotou todas as prazas en cada unha das sesións
A Área de Cultura da Deputación da Coruña, ultima os preparativos para o «Regnum totius Gallaeciae. O Reino medieval de Galicia», o primeiro congreso sobre esta temática e que será internacional ao ofrecer a oportunidade de participar por vía telemática. Deste xeito amplíanse as posibilidades de asistencia, dado o interese que suscitou o evento, que esgotou todas as prazas en cada unha das sesións logo de abrírense as inscricións.
O Congreso celebrarase do 19 ao 22 de setembro e terá lugar en diferentes espazos de Santiago de Compostela. Os relatorios serán no Museo do Pobo Galego e o programa musical na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval. Está prevista a participación de 18 relatores e relatoras de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino medieval de Galiza e que proceden de diferentes institucións, entre as que destacan as universidades de Nova York, Barcelona, Santiago de Compostela, Salamanca e Oviedo. Neste sentido, o deputado de Cultura, Xurxo Couto lembra que «o congreso nace como unha iniciativa absolutamente necesaria de cara a normalizar o dereito a coñecer a nosa propia historia». Asegura ademais que «vai permitir socializar un enfoque propio e rigoroso do poder político galego nesa altura histórica, ata o de agora contaminado pola historiografía españolista que é a que aínda se segue a estudar no sistema educativo».
Así, o intenso programa está deseñado para debullar este longo período histórico en chave galega, do que aínda pouco se sabe, xa que «no que á Idade Media se refire, tres obstáculos dificultaron o seu estudo na Galiza. En primeiro lugar os prexuízos que gravitan sobre a percepción do período, pois os movementos liberais do século XIX dirixíanse contra un modelo de sociedade antagónico, o feudal, cunha carga notoriamente pexorativa do termo. En segundo lugar, en España pesaba o modelo historiográfico dominante que só daba cabida a unha historia nacional e suxeitaba as periféricas ao esquema centralista. E en terceiro lugar, operou negativamente a descontinua evolución da investigación histórica na propia Galiza» di Anselmo López Carreira, curador científico do congreso, que asegura que a isto, súmanse as «sucesivas crises políticas e culturais que se padeceron, primeiro no tránsito do século XIX ao XX e despois a raíz do golpe do 36 e boa parte da ditadura, que supuxeron as respectivas interrupcións e mesmo o retroceso no proceso de elaboración da historia da Galiza».
A retransmisión ao vivo será feita desde a páxina www.reinomedievaldegalicia.gal, que nos días do Congreso centrará nunha pantalla única as diferentes relatorías, as proxeccións e a interpretación para as persoas xordas. Ademais, tamén se poderá participar de forma activa nos debates programados ao fin de cada sesión, achegando á sala compostelá calquera comentario ou dúbida sobre as palestras que estean a decorrer.