Estás en:Novas

Formoso destaca en SISTEDES a importancia de “atraer e reter talento en Galicia”

O presidente da Deputación e o reitor da USC participaron hoxe na apertura do congreso SISTEDES-2022 que se levará a cabo ata o 7 de setembro en Santiago de Compostela

Destaca a importancia de traballar para que "o talento da mocidade permaneza e así non ter que ver medrar a sangría dos 87.000 rapaces de menos de 35 anos que se foron", explicou

Formoso cre que "isto pódese evitar con medidas como a Lei de Ciencia" recentemente aprobada "que elimina a precariedade e favorece a estabilización laboral dos investigadores"

Formoso destaca en SISTEDES a importancia de “atraer e reter talento en Galicia”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Santiago de Compostela na apertura do Congreso SISTEDES-2022, ao que cualificou como "un espazo no que se concentra talento nacional e internacional, que fomenta a posta en común e o intercambio científico" e destacou a importancia de "atraer e reter talento en Galicia, que o hai e moito".

No evento, no que colabora a Deputación da Coruña e que está organizado polo grupo de investigación COGRADE do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da Universidade de Santiago de Compostela, daranse cita 240 investigadores dos grupos de investigación máis importantes das universidades españolas, así como estudantes e representantes de empresas e do sector público.

O presidente provincial explicou que "para nós é imprescindible visualizar o voso traballo, transmitirvos o noso agradecemento e darvos a relevancia e o recoñecemento que merecedes porque sodes a luz e a guía deses rapaces e rapazas que aspirarán a quedarse a traballar na súa casa, na súa contorna familiar, e non ter que ver medrar a sangría que suma xa a 87.000 rapaces de menos de 35 anos que se foron deste país e que xa só ven Galicia como un territorio ao que volver no Nadal".

"Creo que isto pódese evitar apostando por centros singulares de investigación como fixo a Universidade de Santiago e por aplaudir medidas como a" recentemente aprobada "Lei de ciencia, que elimina a precariedade, e desaplaudir medidas como as emendas que pretenden a non estabilización laboral dos investigadores, tamén tecnolóxicos", afirmou.

Por último, Formoso quixo agradecer tamén "que nos permitades, nun ano onde o Xacobeo o inunda todo, onde todo son peregrinos, Camiño de Santiago, e, vaias onde vaias, no ámbito cultural, económico ou social só se fala do Xacobeo, ensinar a outra cara que ten este país, unha cara tecnolóxica, de coñecemento, a dos emprendedores, a dos investigadores, a de institucións como a Universidade de Santiago que hai anos, cando ninguén pensaba nisto, tomou a decisión de crear centros singulares de tecnoloxía intelixente". "Unha cara da provincia da Coruña e de Galicia que é máis descoñecida pero que é moi latente", subliñou.

Máis de 150 traballos científicos

O congreso nacional da Sociedad de Ingeniería de Software y Tecnologías de Desarrolo de Software (SISTEDES) é un encontro anual centrado en tres grandes áreas da informática: Enxeñería de Software e Bases de datos, Ciencia e Enxeñería de Servizos e Programación e Linguaxes.

As xornadas, organizadas polo CiTIUS da USC reunirán en Santiago de Compostela a 240 investigadores que presentarán un total de 154 traballos científicos ante a comunidade investigadora experta nestes temas. O simposio inclúe tres conferencias plenarias a cargo de reputados investigadores de talle internacional: Robert Feldt, Uwe Zdun e Manuel Hermenegildo.

As xornadas SISTEDES, que levan realizándose con este formato desde o ano 2001, son un referente e constitúen un punto de encontro chave a nivel nacional entre a comunidade española que traballa nas áreas de Enxeñería do Software e as Tecnoloxías de Desenvolvemento de Software.