Vinte escritores e escritoras integran os xurados dos Premios Literarios 2022 que a Deputación da Coruña fallará neste trimestre
O departamento de Cultura aposta nesta edición por conformar xurados 100% literarios con persoas de diferentes xeracións e representativas da literatura galega
Referentes de LIX e de poesía, como Fina Casalderrey e Pilar Pallarés, forman parte dos xurados do Raíña Lupa e do González Garcés
Algunhas das voces máis coñecidas da literatura actual, como Berta Dávila, Bibiana Candia ou Marcos Giral Torrente, súmanse aos xurados do Torrente Ballester en galego e castelán
A Deputación da Coruña fallará entre setembro e novembro os seus Premios Literarios de poesía, narrativa e literatura infantil e xuvenil. Catro novas obras serán recoñecidas co González Garcés, o Torrente Ballester en galego e en castelán e o Raíña Lupa. En total, o departamento de Cultura concederá 43.000 euros en premios e promoverá a publicación das obras que resulten gañadoras entre os 381 orixinais recibidos este ano.
Serán catro xurados formados por vinte escritoras, escritores e poetas os encargados de seleccionar os títulos gañadores. A Deputación aposta nesta edición por conformar xurados 100% literarios con persoas de diferentes xeracións que representan o mellor das nosas letras. Referentes de LIX e de poesía, como Fina Casalderrey e Pilar Pallarés, forman parte dos xurados do Raíña Lupa e do González Garcés, aos que se lle suman voces de xeracións máis novas como Ismael Ramos, Alba Cid, Antía Yáñez ou Andrea Maceiras. Ademais, algunhas das voces máis coñecidas da literatura actual, como Berta Dávila, Bibiana Candia ou Marcos Giral Torrente, súmanse aos xurados do Torrente Ballester en galego e castelán.
Setembro: XXI Premio Miguel González Garcés" de poesía
Cinco poetas escollerán a obra gañadora do XXI Premio Miguel González Garcés". A Premio Nacional de Poesía, Pilar Pallarés, súmase ao xurado desta nova edición que, ademais, conta con Ismael Ramos, Alba Cid, Susana Sánchez Aríns e un dos gañadores do ano pasado, Daniel Asorey. Voces novas e veteranas que representan a forza da poesía galega. O premio, que se fallará o 28 de setembro, está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora.
Outubro: XVI Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil
A obra gañadora do XVI Premio "Raíña Lupa" de literatura infantil e xuvenil coñecerase o 24 de outubro trala reunión do xurado conformado por Fina Casalderrey, Marcos Calveiro, Antía Yáñez, Érica Esmorís e a gañadora da última edición, Andrea Maceiras. Cinco voces de diferentes xeracións cuxas obras figuran entre as máis lidas polo público infantil e xuvenil en Galiza. O premio está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra gañadora.
Ademais, o último venres de setembro retomaranse na Biblioteca Provincial da Coruña os encontros do club de lectura da Raíña Lupa baixo o lema "Non hai idade, hai literatura".
Novembro: XXXIV Premio "Torrente Ballester" de narrativa
O premio literario máis antigo da Deputación, e un dos máis prestixiosos de Galiza, fallarase o 18 de novembro coa reunión dos xurados no Pazo de Mariñán. Dez escritoras e escritores volverán reunirse no pazo coruñés para decidir as dúas obras de narrativa gañadoras en galego e en castelán.
Por primeira vez na historia do premio, o neto de Gonzalo Torrente Ballester formará parte do xurado en castelán. Marcos Giralt Torrente súmase a Bibiana Candia, Gabriela Consuegra, Javier Peña e a gañadora da pasada edición, María Cureses.
Pola súa banda, o xurado do Torrente en galego reúne a algunhas das mellores voces da literatura galega actual: Berta Dávila, Diego Giráldez, Montse Fajardo, Xina Vega e o gañador da pasada edición, Raúl Santos.
"O Conclave de Mariñán" será unha xornada de convivencia entre os dez escritores e escritoras que culminará coa concesión do Premio Torrente en galego e castelán, dotados con 15.000 euros cada un, ademais da publicación das obras.