Estás en:Novas

O Congreso sobre o Reino de Galiza, que arranca coas prazas esgotadas, reunirá en Santiago un plantel de congresistas de carácter internacional

O simposio, organizado pola Deputación da Coruña, terá lugar no Museo do Pobo Galego e contará con 18 relatores e relatoras procedentes das universidades de Nova York, Barcelona, Salamanca, Oviedo e Santiago e Compostela

A data de inicio do Congreso foi elixida por coincidir no entorno da coroación, un 17 de setembro, de Alfonso VII como Rei de Galicia na Catedral de Santiago por parte de Xelmírez

Cada sesión será retransmitida telematicamente para ampliar as posibilidades de asistencia, dado o interese que suscitou o evento, que esgotou todas as prazas presenciais

O Congreso sobre o Reino de Galiza, que arranca coas prazas esgotadas, reunirá en Santiago un plantel de congresistas de carácter internacional

O Congreso sobre o Reino medieval de Galiza "demostrou ser xa un éxito antes de comezar" asegurou esta mañá o deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto, referíndose á gran expectativa que xerou e que se evidencia a través das inscricións completas para todos os relatorios en apenas un mes. O deputado participou na presentación do evento no Museo do Pobo Galego, lugar que acollerá este simposio a vindeira semana, e onde estivo acompañado polo director da institución museística, Manuel Vilar, e polo comisario científico do Congreso, Anselmo López Carreira.

Xurxo Couto insistiu na importancia de "poñer en marcha unha iniciativa coma esta para divulgar e socializar esta etapa da nosa historia posto que ata o de agora non se fixera, o que o converte nun Congreso pioneiro neste sentido" e na necesidade de "que se coñeza o noso período medieval como unha das épocas de máis esplendor da nosa historia". O deputado explicou que "a escolla da data de inicio do Congreso non é un tema menor, senón que o quixemos facer coincidir no entorno do aniversario da coroación dun dos reis de Galiza na Catedral de Santiago". Trátase de Alfonso VII, que foi coroado por Xelmírez e pola nobreza galega un 17 de setembro de hai 911 anos na Catedral de Compostela.

Pola súa banda, Anselmo López Carreira explicou que "Alfonso VII, que foi coroado de neno, tería despois unha enorme trascendencia na historia medieval". Asegurou que "aínda que non é primeira vez que un rei é coroado como Rei de Galicia, no caso de Alfonso VII o acontecemento queda perfectamente recollido na 'Historia Compostelana', o que nos dá a información máis completa que temos sobre como era unha cerimonia de coroación naquel período". O curador científico do Congreso asegurou que durante as catro xornadas do simposio "contaremos cun cadro de relatores magnífico que nos permitirá rescatar a memoria da existencia do Reino medieval de Galicia, o que suporá un chanzo máis na recuperación da memoria do país".

O director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar, salientou que o evento "permitirá abordar un tempo moi interesante da nosa historia, de riqueza e de poder, de relevancia da nosa lingua e mesmo da forma de habitar un territorio, que non significa tan só coñecer o pasado senón tamén poder entender o noso presente". Manuel Vilar tamén se referiu ao papel de anfitrión que o Museo do Pobo Galego terá no desenvolvemento do simposio lembrando que "este Museo, que foi unha casa de acollida, ten unha gran tradición de acoller".

O Congreso celebrarase do 19 ao 22 de setembro, con catro xornadas de relatorios que terán lugar no Museo do Pobo Galego e cun programa musical que se desenvolverá na contigua Igrexa de San Domigos de Bonaval. Está prevista a participación de 18 relatores e relatoras de diferentes perfís que abordarán cuestións relacionadas coa historia, a arte, a literatura, ou a organización administrativa do Reino medieval de Galiza e que proceden de diferentes institucións, entre as que destacan as universidades de Nova York, Barcelona, Santiago de Compostela, Salamanca e Oviedo.

Todas as sesións serán retransmitidas ao vivo desde a páxina web www.reinomedievaldegalicia.gal, que nos días do Congreso centrará nunha pantalla única as diferentes relatorías, as proxeccións e a interpretación para as persoas xordas. Ademais, tamén se poderá participar de forma activa nos debates programados ao fin de cada sesión, achegando á sala compostelá calquera comentario ou dúbida sobre as palestras que estean a decorrer.