Estás en:Novas

A Deputación da Coruña participa na Placemaking Week Europe de Pontevedra cun mural artístico e un foro sobre arte pública

O vicepresidente, Xosé Regueira, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o muralista Miguel Peralta, visitaron esta mañá a medianeira do barrio de San Antoniño onde se situará o mural

A Deputación da Coruña participa na Placemaking Week Europe de Pontevedra cun mural artístico e un foro sobre arte pública

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Mantemento de Espazos Públicos, Eva Vilaverde, presentaron esta mañá as accións nas que participará a área de Turismo da Deputación no marco do Placemaking Week Europe que terá lugar a vindeira semana na cidade do Lérez.

Regueira e Fernández Lores reuníronse no barrio de San Antoniño co muralista Miguel Peralta – da cooperativa Cestola na Cachola-, e co propietario da vivenda en cuxo exterior se situará o mural que financiará o ente provincial coruñés no marco do evento urbanístico. "É sempre unha sorte estar en Pontevedra, nunha vila tan ben coidada e cun urbanismo exemplar para todo o mundo", sinalou Regueira. "Esta é unha oportunidade pola nosa banda para demostrar o que estamos a facer nese sentido de mellora dos nosos ámbitos urbanos, coa transformación do espazo urbano a través de arte, reivindicando o talento e a beleza, mais tamén o traballo e a creatividade da xente que se dedica á arte pública por todo o mundo" engadiu.

Pola súa banda, Fernández Lores agradeceu a proposta da Deputación coruñesa e o traballo de Cestola na Cachola, amais da do propietario do edificio ao permitir a creación deste novo punto artístico nun barrio que nos últimos tempos logrou atraer novas propostas e establecementos comerciais de ocio, cultura e educación, como a Escola Bonobo, Culebra Estudio, Alquimia ou Percalandia.

Ademais, no marco do programa do Placemaking Week Europe, a Deputación participará nunha mesa redonda que levar por título "Recrear o espazo público. A arquitectura e a creatividade como estratexia". Terá lugar o xoves 29, ás 12:15h na Praza do Teucro, e contará coa participación de Xosé Regueira, da concelleira de Promoción da cidade pontevedresa, Anabel Gulías, da técnica de Turismo de Carballo, Maite Parga, e da muralista da cooperativa Cestola na Cachola, Xoana Malvar. Neste foro abordarase como a arte pública funciona como recurso para a recuperación de espazos degradados a través de diversos festivais artísticos con longa implantación na provincia da Coruña.