Estás en:Novas

Formoso aposta por responder “política e xudicialmente” ao veto da Comisión Europea á pesca de fondo

O presidente provincial participou no Pazo de Mariñán nunha xornada sobre o papel das confrarías organizada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores

"Para Galicia a pesca é un sector estratéxico e todas as administracións teñen que estar na súa defensa", afirmou, ao tempo que instou ao presidente da Xunta a que "acuda a Bruxelas a falar coa presidenta da Comisión Europea e co eurodeputado do PP que presentou esta proposta"

Formoso aposta por responder “política e xudicialmente” ao veto da Comisión Europea á pesca de fondo

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, pronunciouse hoxe sobre o peche da pesca de fondo en 87 áreas de España, Portugal, Francia e Irlanda decretado pola Comisión Europea, unha decisión á que considera "un ataque a unha porcentaxe importante da pesca en Galicia" e á que cre que "hai que responder política e xudicialmente".

Fíxoo no marco da xornada 'Actores na protección e control do medio mariño: o papel das confrarías de pescadores', organizada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores no Pazo de Mariñán, onde reclamou que "todas as administracións que teñan capacidade de presentar un recurso contencioso no Tribunal Europeo contra esta decisión, deben facelo".

O presidente provincial lembrou que "para Galicia a pesca é un sector estratéxico, cunha porcentaxe importante do produto interior bruto, sobre todo en 86 concellos de costa de Galicia, onde a súa achega a economía supera o 20%" e fixo referencia a que hai "27.000 persoas que pertencen á cadea mar-industria". "Polo tanto é un sector no que a Xunta de Galicia, e todas as administracións, teñen que estar na súa defensa", afirmou.

Formoso instou "ao Goberno de España e á Xunta de Galicia a facelo" e tamén "ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a que acuda a falar, non só coa presidenta da Comisión Europea, senón tamén co relator deste regulamento, que é Gabriel Mato, un eurodeputado do Partido Popular, do seu grupo". "Polo tanto, instamos a Rueda a que vaia a Bruselas a tratar un asunto estratéxico, no que o goberno da comunidade de Galicia ten que estar á altura das circunstancias porque Galicia non é Galicia sen a súa pesca", subliñou.

O papel das confrarías de pescadores

Formoso participou na clausura da xornada 'Actores na protección e control do medio mariño: o papel das confrarías de pescadores', organizada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores e na que se abordaron asuntos como: a importancia do control para o mantemento dos recursos e as comunidades pesqueiras, as confrarías como colaboradores necesarios para a protección ambiental ou a facilitación do labor de control e inspección nas confrarías de pescadores.