Estás en:Novas

Modificación da Lei 18/2021. Acordo bilateral Estado-C.A. de Galicia

DOGA 23/09/2022
RESOLUCIÓN do 9 de setembro de 2022, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

................

3. Respecto á disposición adicional segunda, ambas as partes acordan que o Goberno da Comunidade Autónoma de Galicia se compromete a promover a correspondente modificación lexislativa, de maneira que esta disposición quede redactada co seguinte teor literal:

«Disposición adicional segunda. Medidas aplicables aos supostos de alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais nos contratos de obra pública

Un. Atendendo á concorrencia de razóns de interese xeral e para garantir a viabilidade económica dos contratos de obra pública, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico quedan habilitados para adoptar as medidas previstas nesta disposición, naqueles supostos en que se produciu unha alteración extraordinaria e imprevisible dos prezos dos materiais tidos en conta na formalización do contrato ou, de ser o caso, nas modificacións posteriores que tivese o contrato.

Dous. As medidas que poden adoptarse nos supostos previstos neste artigo poderán consistir no seguinte:

a) A aplicación dunha revisión excepcional de prezos nos supostos e nos termos previstos no título II do Real decreto lei 3/2022, do 1 de marzo, de medidas para a mellora da sustentabilidade do transporte de mercadorías por estrada e do funcionamento da cadea loxística, e polo que se traspón a Directiva (UE) nº 2020/1057, do 15 de xullo, pola que se fixan normas específicas con respecto á Directiva 96/71/CE e á Directiva 2014/67/UE para o desprazamento dos condutores no sector do transporte por estrada, e de medidas excepcionais en materia de revisión de prezos nos contratos públicos de obras, sempre que concorran as circunstancias establecidas no devandito real decreto lei.

Para a adopción desta medida seguirase o procedemento previsto no artigo 9 do real decreto lei e a contía resultante da revisión excepcional calcularase conforme o previsto no seu artigo 8.

Tal normativa básica será de aplicación á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e ao seu sector público, así como ás universidades públicas e ás entidades locais do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a calquera das entidades que forman parte do seu sector público.

b) As medidas que resulten da aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro.

En concreto e con seguimento en todo caso ao establecido para iso na referida lei, caberá unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto que serviu de base para a licitación que permita un abaratamento dos seus prezos e que non implique unha minoración na funcionalidade da obra en execución. Neste caso, deberase optar, na medida do posible, por materiais cuxa elección responda a criterios que permitan unha redución das emisións e da pegada de carbono.

Tres. En todo caso, a adopción de calquera destas medidas acordarase necesariamente dentro dos límites das dotacións consignadas cada ano no orzamento dos distintos órganos de contratación.

Catro. Nos supostos da presente disposición, cando non sexa posible adoptar algunha das medidas previstas, o órgano de contratación poderá optar pola resolución do contrato, de conformidade co establecido na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

No caso de que o órgano de contratación acordase resolver o contrato, os órganos de contratación deberán proceder a unha nova licitación coa finalidade de finalizar a obra.

Do mesmo xeito, de acordo co disposto na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, cando concorra unha situación que supón grave perigo, o órgano de contratación quedará lexitimado para acudir ao procedemento de emerxencia para a execución da obra inacabada que permita garantir a prestación do servizo público afectado.

Nestes supostos, os órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico poderán impoñerlles como condición aos novos contratistas a asunción da parte de infraestrutura xa executada e de todos os riscos de construción inherentes a ela.

Cinco. Esta disposición só poderá aplicarse conforme a regulación establecida na lexislación básica para estes supostos. En todo caso, as cantidades percibidas ao amparo desta disposición deberán ser computadas e tidas en consideración en calquera outra resolución ou medida que se poida acordar orientada a garantir a viabilidade económica do contrato, de modo que non se poida obter unha dobre compensación pola mesma causa».