Formoso reclama o dique cuberto de Navantia, a dotación de solo industrial e a mellora das conexións ferroviarias e de autobús como “temas estratéxicos” para o futuro de Ferrol e comarca
Defende "o valor da estabilidade e o consenso en política" e considera que "sería bo para a cidade de Ferrol dar continuidade ao proxecto político de Ángel Mato", xa que "é imposible construír un proxecto de cidade cambiando o goberno cada catro anos"
Anuncia que a Deputación contratará este ano a redacción do proxecto de recuperación das baterías militares de Ferrol, Ares e Valdoviño, cun investimento de 1 millón de euros
Destaca que o investimento da Deputación na comarca superou os 180 millóns de euros nos últimos seis anos e puxéronse en marcha 700 obras
Critica a política fiscal da Xunta, "que baixa 4.000 euros aos máis ricos e 46 euros á clase media e traballadora" e critica a supresión de servizos públicos como sanidade, educación e transporte no rural
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe no almorzo informativo "Conversas no Parador", organizado polo Club de Prensa de Ferrol, no que abordou diversos tema de actualidade e reclamou o dique cuberto de Navantia, a dotación de solo industrial e a mellora das conexións ferroviarias e en autobús como temas "estratéxicos para o futuro de Ferrol e a súa comarca".
Durante a súa intervención, Formoso avogou por "darlle unha oportunidade a Ferrol" e, para iso, considera que "sería bo para a cidade dar continuidade ao proxecto político de Ángel Mato" xa que "é imposible construír un modelo de cidade sen estabilidade política, cambiando o goberno cada catro anos".
"Ángel Mato é un valor moi en alza a nivel local, comarcal e galego", afirmou Formoso, que eloxiou o labor do rexedor xa que "goberna nun municipio onde acadar acordos é francamente difícil" e criticou que "algunhas forzas políticas da cidade non sexan capaces de apoiar un investimento de 12 millóns para o rural".
Formoso defendeu "o valor da estabilidade e o consenso político" para facer avanzar unha cidade ou un país, o que require pór os intereses xerais da cidadanía por enriba dos intereses políticos.
O presidente provincial definiu varios proxectos estratéxicos para o futuro de Ferrol e a súa comarca. Neste punto fixo referencia ao dique cuberto para Navantia, unha infraestrutura que cualificou como "fundamental para o desenvolvemento do estaleiro".
En segundo lugar, a creación de solo industrial, porque "non hai un metro máis" e pregúntase "onde está a Xunta para velar que isto non ocorra" xa que "sen solo industrial o futuro de Ferrol é complicado". "Está ben recuperar o Sánchez Aguilera ou encher Ferrol Vello de cruceiristas pero se queremos xerar emprego de calidade e que o talento da xente moza que formamos quede aquí, necesitamos solo industrial", sentenciou.
Outro dos asuntos estratéxicos citados polo presidente da Deputación para o desenvolvemento da comarca é a mellora da conexión ferroviaria entre Ferrol e A Coruña: "queremos algo plasmado nos orzamentos do vindeiro ano, sabemos que todas as demandas son lexítimas pero queremos ver sinais claros de que hai un compromiso con esta infraestrutura, se non se acomete o próximo ano, que sexa en 10 anos, pero o importante é que se acometa e que haxa un compromiso claro por parte do Goberno". "Na miña recente viaxe a Estrasburgo trasladeille este asunto á comisaria europea de Cohesión, que adquiriu o compromiso de vir a Ferrol a constatalo presencialmente", engadiu.
Formoso reclamou tamén a necesidade de que Ferrol conte cun transporte de viaxeiros por estrada "digno". "É vergoñento como opera na actualidade o transporte Coruña-Ferrol. Non se sabe cando vai pasar o bus, a xente non chega ao traballo...", afirmou o presidente, que considerou que "as políticas da consellería de Ethel Vázquez supuxeron a desaparición de 60 empresas de transporte tradicionais en Galicia, varridas por unhas poucas grandes empresas".
O presidente da Deputación pediu ás administracións "que nos dean as mesmas oportunidades que a outras comarcas e demostraremos todo o noso potencial", afirmou.
Acción da Deputación en Ferrol e comarca
A Deputación da Coruña investiu nos últimos seis anos, baixo a presidencia de Valentín González Formoso, máis de 180 millóns de euros nos municipios de Ferrolterra, Eume e Ortegal, que supuxeron a execución de máis de 700 obras. "Detrás de cada actuación hai unha aposta transversal, a do emprego", sinalou o presidente, que destacou que "a Deputación sostén ou crea, cada ano, 13.000 empregos en toda a provincia co seu esforzo investidor".
Formoso detallou que na cidade de Ferrol o investimento alcanzou os 15 millóns de euros, dos cales 7 millóns de euros teñen repercusión directa no tecido social e neste sentido subliñou "as 166.000 horas que a institución provincial financia de Servizo de Axuda no Fogar, sendo esta a comarca que máis demanda este servizo en toda a provincia".
Anunciou tamén que a Deputación estenderá a Ferrol o servizo de teleasistencia, que hoxe en día atende a máis de 3.000 persoas na provincia, e que incrementou nun 30% o número de usuarios durante a pandemia, coa aprobación no próximo pleno dunhas novas bases que permitirá ampliar esta ferramenta aos concellos de ata 75.000 habitantes.
Recuperación das baterías
Por outra banda, lembrou que a institución provincial adquiriu as baterías militares de Bailadora (Ares), Campelo (Valdoviño) e Montefaro (Ferrol) e agora está a traballar na súa recuperación, para o que se solicitará a colaboración do Goberno do Estado e da Xunta de Galicia xa que "agardamos contratar este ano a redacción do proxecto", que contará cun investimento de 1 millón de euros.
"Ferrol non pode vivir á marxe da súa historia e o seu patrimonio militar. O obxectivo é recuperar unha sinal de identidade desta cidade e desta comarca, convertendo a estes antigos emprazamentos militares nun motivo de orgullo para a cidadanía, de respecto á nosa historia, e nun importante elemento de dinamización turística".
Neste sentido anunciou que a Deputación apoiará a celebración en Ferrol do principal congreso de patrimonio e historia militar de España o próximo mes de febreiro e sinalou que "todo isto suma para conseguir a declaración de Patrimonio da Humanidade que persegue a cidade".
Tamén instou o Porto de Ferrol que "rebaixe un 30% as taxas portuarias, o máximo que permite a Lei, para aumentar a competitividade das instalacións e beneficiar á economía de toda a comarca".
Rebaixa de impostos "para ricos" e despoboamento do rural
No ciclo tamén se abordaron moitos temas de interese a nivel autonómico, como a política fiscal da Xunta de Galicia ou o despoboamento do rural.
Formoso criticou a política fiscal que está a desenvolver o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa que "lle rebaixa 4.000 euros por cabeza aos máis ricos, aqueles que teñen máis de 2 millóns de euros en Galicia e que son o 0,02% da poboación; mentres que deflactando o IRPF, báixalle 46 euros á clase media traballadora deste país. Non entendo nin comparto esa política fiscal", afirmou.
Sobre o despoboamento do rural, Formoso reflexionou que "se se pecharon 138 colexios no rural desde o ano 2009, hai 976 profesionais sanitarios menos, quedan sen oficinas bancarias, como se nos enche a boca de falar de reto demográfico, de que hai que deixar de baleirar as aldeas e as parroquias en Galicia se nin teñen transporte, nin tratamento sanitario nin un centro educativo nun radio razoable", sostivo.