As actividades de Normalización Lingüística arredor de Delgado Gurriarán volven aos colexios en outubro
Polo Correo do Vento leva este mes a dez centros educativos da provincia un contacontos para divulgar entre os máis pequenos a figura e ao obra do autor de Valdeorras
As actividades programadas pola área de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña arredor da figura de Florencio Gurriarán volven ás escolas infantís e de primaria coruñesas e aos centros educativos de asistencia a menores de titularidade provincial. Para este mes de outubro están programadas dez sesións de contacontos a cargo de Polo Correo do Vento, que achegará á cativada a figura e a o obra do autor, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas. Ademais, os nenos e as nenas recibirán de agasallo "De Valdeorras a México. Terra a Nosa! Pequena biografía de Florencio Delgado Gurriarán", proxecto conxunto de Lela Edicións e Polo Correo do Vento, con ilustracións de Tania Solla.
"Con estas actividades", explica a deputada María Muíño, "a área de Normalización Lingüística quere achegar ao público máis novo a biografía e fragmentos do traballo poético do autor de Valdeorras, a percorrer os seus espazos vitais, as súas inquedanzas culturais e as perspectivas políticas que o acompañaron". "Sempre procuramos", engadiu, "que a nosa programación, sobre todo a máis didáctica, se prolongue todo o ano e non se centre só nas datas sinaladas, caso do Día das Letras".
Axenda
• 04/10 (18 horas), na Biblioteca Provincial Coruña
• 06/10 (13.30 horas), en Cerdido
• 11/10 (9.30 horas) EEI de Coirós
• 11/10 (13.30 horas), no CEIP Plurilingüe de Toques
• 13/10 (10.30 horas), no CEIP de Présaras, en Vilasantar
• 13/10 (13.30), no CEIP O Marbán, en Somozas
• 14/10 (13 horas), no CEIP Praia de Quenxe, en Corcubión
• 21 /10 (16.30 horas), no Fogar Infantil de Ferrol
Quedan por confirmar o horario e o lugar onde se celebrarán as citas de Aranga e do Colexio Fogar da Coruña.