Estás en:Novas

A Deputación da Coruña impulsa o Informe de Conxuntura Económica da provincia, elaborado polo Club Financeiro de Santiago

O deputado de Emprego, José Ramón Rioboo, o presidente da entidade, Roberto Pereira, e as economistas María Bastida, Maite Cancelo e Miguel Vázquez Taín, presentaron o ICE

O documento realiza unha radiografía completa da realidade económica da provincia coruñesa, tanto a nivel comarcal como municipal

A Deputación da Coruña impulsa o Informe de Conxuntura Económica da provincia, elaborado polo Club Financeiro de Santiago

A Deputación da Coruña impulsa o Informe de Conxuntura Económica (ICE) editado polo Club Financeiro de Santiago, que tamén conta coa colaboración do banco Sabadell e que realiza unha radiografía completa da realidade económica da provincia coruñesa, tanto a nivel comarcal como municipal.

O ICE foi presentado esta mañá nun acto que contou coa participación do deputado de Emprego, Transición Ecolóxica e Territorio Sostible, José Ramón Rioboo, e o presidente do Club Financeiro de Santiago, Roberto Pereira Costa. O informe foi elaborado por un equipo investigador composto por cinco expertos economistas: David Rodríguez, profesor de Análise Económica da UDC; Emilia Vázquez, profesora de Economía Cuantitativa da USC; María Bastida, docente de Organización de Empresas e Comercialización da USC; Maite Cancelo, profesora titular de Economía Aplicada da USC, e Miguel Vázquez Taín, profesor titular de Economía Pública e Sistemas Fiscais da USC.

O documento estrutúrase en cinco bloques: territorio e recursos naturais (núcleos de poboación, densidade, catastro...), poboación (movementos migratorios, condicións de vida...), mercado de traballo (paro, contratacións, pensións...), estrutura produtiva (PIB, sectores produtivos, demografía empresarial...) e sector público (facendas locais, gastos e ingresos municipais...).

Territorio e poboación

A provincia da Coruña representa case un 27 % da superficie de Galicia. En 2021, concentraba case dúas quintas partes (39,3 %) dos núcleos poboacionais da comunidade.

A densidade de poboación da provincia coruñesa é considerablemente superior á media de Galicia, 141,1 hab/km2 fronte aos 91,2 hab/km2. A comarca da Coruña sobresae porque se sitúa en 857,6 hab/km2. Esta cifra cuadriplica a densidade das seguintes zonas máis habitadas: Barbanza (266), Santiago (247,8) e Ferrol (240,6). Pola contra, as comarcas de Ortegal, Arzúa, Terras de Melide e Xallas quedan por baixo dos 40 habitantes por quilómetro cadrado.

Ademais, a dinámica de presión poboacional modificouse nos últimos anos. Desde 2015, a densidade de poboación só aumentou nas comarcas de Santiago, A Coruña e Betanzos, mentres nas de Ortegal, Terra de Soneira e Muros foi onde máis se reduciu.

A provincia da Coruña concentra ao 41,6 % da poboación galega. Por comarcas, A Coruña acumula a maior porcentaxe de poboación (36,2 %), seguida de Santiago (15,1 %) e Ferrol (13,5 %). As seguintes comarcas en importancia polo seu peso poboacional son as costeiras Barbanza e Bergantiños, ambas en torno ao 6 %.

En canto á evolución da poboación, as comarcas da Coruña e Santiago son as únicas que incrementan lixeiramente a súa poboación entre 2010 e 2021, con taxas medias de crecemento anual de 0,2 % e 0,4 %, respectivamente. A Coruña gaña 10.513 habitantes e Santiago 7.727.

En 2021 descendeu lixeiramente a poboación, un -0,2 % en Galicia e un -0,1 % na Coruña, perdéndose 102.008 e 6.174 habitantes, respectivamente. Por comarcas, a maior caída de poboación dáse en Ortegal (-1,5 %), seguida de Muros e Arzúa (-0,6 %). Aumentan, lixeiramente poboación en: Betanzos (0,7 %), Terra de Melide (0,3 %) e Fisterra (0,1 %) e, en menor medida Santiago, Eume e Barbanza.

A evolución da poboación nestes anos provocou un envellecemento progresivo da mesma. Así nos atopamos con que o 13 % da mesma a nivel provincial e galego tiña menos de 16 anos en 2021, en torno ao 62 % estaría comprendida no tramo de 16-64 e o 25 % tería máis de 64 anos. Por comarcas, as máis envellecidas, con maior proporción de poboación que supera os 64 anos, son: Ortegal, Muros, Terra de Soneira, Xallas, Terra de Melide e A Barcala.

Mercado de traballo

O ano 2021 rexistra un incremento de 7.300 persoas en situación de actividade. Neste ano confírmanse dúas tendencias previamente detectadas: a diminución paulatina de poboación activa en Galicia e a concentración da devandita poboación nas provincias da Coruña e Pontevedra. Estas dúas tendencias son trasladables á poboación ocupada, que aumenta en 10.900 persoas nese mesmo período.

A análise desagregada revela un comportamento diferencial da provincia coruñesa en comparación co resto das provincias galegas. A poboación activa na Coruña diminúe, basicamente polo retroceso do número de mulleres en situación de actividade. O comportamento no resto das provincias nestes dous anos é crecente, destacando ademais a mellora da participación feminina na poboación activa.

En relación coa poboación parada, redúcese en 3.600 persoas ao longo de 2021, un descenso repartido entre homes e mulleres. A maior baixada relativa obsérvase na provincia coruñesa, onde en 2021 hai un 5,7 % de parados menos que o ano precedente. Este retroceso é máis notable entre a poboación parada feminina, que cae un 8,6 % fronte a algo menos do 3 % no caso da poboación parada masculina.

No que se refire ao número de persoas rexistradas como demandantes de emprego, retómase a senda de decrecemento constante existente antes de 2020. Na provincia da Coruña rexístrase un descenso relativo superior á media galega, caendo o número de persoas rexistradas no paro en case un 10 %. Esta diminución é común a todas as comarcas da provincia coruñesa, sendo máis relevante entre os homes e no sector servizos.

Economía

O PIB per cápita galego experimentara un incremento anual do 1,2 % en 2019, pero a crise causada polo coronavirus provocou un descenso do 8,9 % en 2020. En 2021, o crecemento foi do 5,4 %.

En canto á distribución por sectores en 2021, o 70,4 % do Valor Engadido Bruto (VAB) corresponde ao sector servizos, incluíndo servizos privados e públicos, mentres que a industria representa o 17,6 %, seguida da construción (7,1 %) e o sector primario (4,9 %). A industria manufactureira supón o 70 % da industria e xera o 13 % do VAB total.

Con respecto ao 2020 obsérvanse crecementos do 4,1 % e do 6,6 % no VAB da industria e os servizos respectivamente, mentres que a construción presenta unha caída do 2,4 % e o sector primario do 0,5 %.

Oferta turística

O turismo é un dos sectores máis afectados polo coronavirus. En 2022 en Galicia ofértanse case 225.000 prazas en establecementos turísticos, o que supón un incremento do 5,4 % con respecto ao 2020. As boas perspectivas do sector turístico na provincia para o 2022 demóstrano o incremento do 87 % no número de prazas ofertadas, respecto ao último Xacobeo 2010. Actualmente a oferta turística na provincia da Coruña supera as oitenta mil prazas que supoñen o 36 % do total galego.

As comarcas da Coruña e Santiago concentran a maior parte da oferta en hoteis e pensións. O número de vivendas de uso turístico nos últimos anos provoca que 1 de cada 4 prazas en ambas as comarcas sexan deste tipo. Destaca o elevado peso que teñen os albergues turísticos nas zonas máis relacionadas co Camiño de Santiago. O turismo rural ocupa case o 10 % das prazas comarcais en Terra de Melide. Os apartamentos turísticos teñen unha elevada presenza na Coruña, Fisterra e Muros, aínda que en Barbanza é onde este tipo de aloxamento experimentou un maior crecemento, máis dun 48 %.

Empresa

En 2019 había 248.245 empresas con actividade en Galicia, son 614 empresas máis que en 2018, pero entre 2019 e 2020 perdéronse 2.585 empresas en Galicia, de forma que en 2020 o número total ascende a 245.660. Perdéronse en todos os sectores fundamentalmente en construción (1.553) e en industria (673).

Como comentamos, as empresas da provincia da Coruña supoñen o 41 % de Galicia, con case cen mil empresas en 2020. A distribución por sector de actividade repártese entre o 67,4 % do sector servizos, un 15,2 % do sector primario, un 12 % da construción e un 5,3 % do sector de industria e enerxía.

Do mesmo xeito que no total de Galicia, na provincia da Coruña máis do 96 % das empresas son de pequeno tamaño, de ata 10 empregados. Esta porcentaxe soa é menor nas comarcas da Coruña, Santiago, Eume e O Sar, aínda que en todos estes casos supérase o 95 %.

Na provincia da Coruña, en total en 2020, producíronse 9.587 altas e 11.275 baixas, o que deixa unha diferenza negativa de 1.688 empresas, de forma que o saldo é de 88.657 empresas.

Comercio exterior

En 2021 as exportacións galegas foron de 25.275 millóns de euros, dos cales o 45,3 % son da provincia da Coruña. As exportacións seguen evolucionando de forma máis positiva que as importacións polo que o saldo comercial é positivo (desde o ano 2013) tanto a nivel provincial como rexional.

O 62 % das exportacións diríxense cara a países da zona euro. Francia segue sendo o principal destino, 20,6 % das galegas e o 14,6 % das coruñesas. Portugal é o segundo, representando o 12,9 % das vendas galegas (11, 2% no caso coruñés). A maior caída das exportacións da provincia detéctase en Reino Unido. O efecto do Brexit é claro xa que pasaron de representar o 6,1 % do total en 2010 ao 2,4 % en 2021.

En 2021, as exportacións galegas concéntranse en dous grandes sectores, automoción e confección de roupa de vestir, xa que representan o 48 % das nosas vendas.

O maior aumento das exportacións coruñesas no 2021 con relación ás galegas (32 % fronte ao 21 %) estaría parcialmente explicado pola taxa de crecemento no sector de confección de roupa de vestir (28 %) que representan o 43 % do total aínda que o seu peso diminúe con relación ao ano 2020, en 4 puntos.