Formoso coincide cos empresarios de Melide na necesidade de dotar de solo industrial ao municipio
A reunión celebrada hoxe enmárcase dentro dunha rolda de encontros cos sectores produtivos para a elaboración dos orzamentos provinciais de cara ao próximo exercicio
Formoso expresou o compromiso de que a Deputación "implicarase no desenvolvemento dunha localidade que é capital comarcal" e destacou que "buscaremos alternativas pero o importante e que se faga canto antes"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe nunha reunión coa Asociación de Empresarios Terra de Melide (ASETEM) onde coincidiu na necesidade de dotar, "canto antes", de solo industrial ao municipio "para que non se produza unha fuga de empresas e para que poida haber oportunidades de xeración de emprego".
O encontro mantido co presidente e o vicepresidente da entidade, Manuel Vázquez García e Rodrigo Fernández Pombo, xunto co primeiro tenente de alcalde de Melide, José Antonio Prado, e no que tamén estivo acompañado dos deputados Bernardo Fernández e Antonio Leira, enmárcase dentro dunha rolda de encontros cos sectores produtivos para a elaboración dos orzamentos provinciais de cara ao próximo exercicio.
O tema principal foi a necesidade de crear solo industrial en Melide, ante as dificultades para desenvolver o solo que estaba previsto no Plan xeral municipal, para o que se barallan dúas posibilidades: ampliar o polígono existente ou facelo nun novo emprazamento. Formoso remarcou que "o importante é dotar de solo industrial ao municipio canto antes para que non se produza unha fuga de empresas e para que poida haber oportunidades de xeración de emprego".
Para iso, o presidente provincial Formoso expresou o seu compromiso de que a Deputación "implicarase, na medida en que as nosas competencias o permitan, no desenvolvemento dunha localidade que é capital comarcal, que ten moito dinamismo económico, moita presencia de autónomos e de empresas de certo calibre". "Buscaremos alternativas, intensificaremos co SEPE a concreción do desenvolvemento de solo industrial pero dá igual quen o promova, o importante é que se faga canto antes mellor", afirmou.
O primeiro tenente de alcalde, José Antonio Prado, fixo referencia a que "a Xunta foi extremadamente clara no ano 2018 e no ano 2019 de que, onde está o Polígono actual, non se pode ampliar" e apostou como futuro emprazamento para desenvolver solo industrial dunha forma máis rápida" unha área próxima a onde irá o enlace coa autovía na estrada que vai a Santiso".
Pola súa parte, Manuel Vázquez García expresou que "a mellor fórmula é a ampliación do polígono que hai pero, de non poder facelo aí, hai que executalo noutro lugar canto antes" "Non vai vir unha empresa para Melide sen ter onde establecerse, co que acabará marchando para outro sitio", comentou.
Preto de 100 postos de traballo creados en Melide
A reunión tamén serviu para falar dos programas provinciais de reactivación económica como o Plan de Emprego Local (PEL) ou o Plan Único e así, como explicou González Formoso, "saber se están dando resultado ou se hai algunha mellora que facer nas convocatorias".
No caso do PEL, que con 12 millóns de orzamento é o maior programa de emprego impulsado por unha administración local en Galicia, este ano apoiou a contratación de máis de 1.000 persoas no sector público e privado e, no caso concreto de Melide, creáronse 89 postos nos últimos cinco anos a través deste plan.
Por último, puxéronse sobre a mesa outras cuestións de interese para o municipio, como a Autovía A-54 (de Santiago a Lugo) que está dotada de 54 millóns de euros nos orzamentos xerais do Estado para 2023. "Esta, concretamente o tramo de Palas de Rei a Melide, será unha infraestrutura estratéxica para desenvolver o municipio", apuntou Formoso.