Formoso propón “cláusulas de reto demográfico en contratos públicos” para “xerar actividade no rural, fixando poboación e loitando contra os incendios”
O presidente provincial participou hoxe en Zamora no Foro Next Education sobre incendios forestais en España
Formoso insta á Xunta de Galicia a que "aposte por esta fórmula nas licitacións autonómicas, dando prioridade e bonificando fiscalmente ás empresas que se implanten no ámbito rural"
"Na Deputación xa se están levando a cabo iniciativas deste estilo, como a implantación do centro 'Next Generation' no Concello da Capela, de menos de 2.000 habitantes", lembrou
Apostou por "defender os dereitos dos territorios", apuntando que "non se pode lexislar desde o urbano para o rural, non pode ser que a Lei do solo de Galicia fose deseñada nun estudio na Castellana en Madrid"
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe en Zamora, no Teatro Ramos Carrión, no Foro Next Educación sobre incendios forestais en España e alí propuxo a implantación de "cláusulas demográficas para contribuír a xerar actividade no rural, fixando así poboación e loitando contra os lumes".
No foro, organizado por Next Educación coa colaboración da European Climate Foundation, participaron tamén o presidente da Deputación de Zamora, Francisco José Requejo, a presidenta da Deputación de Palencia, María Ángeles Armisén ou o presidente da Deputación de Málaga, Francisco José Salado, ademais de responsables de consorcios provinciais de bombeiros, alcaldes, xornalistas e representantes de entidades rurais.
No foro, no que se abordaron as causas e consecuencias dos incendios forestais que afectaron a España este verán e que tiveron a Castela-León e Galicia entre as comunidades máis afectadas, Formoso puxo o foco sobre o "abandono do rural" como principal causa para que se produzan incendios e propuxo, por unha banda, "que a Xunta de Galicia aposte pola cláusula demográfica nas licitacións autonómicas, dando prioridade ás empresas que se implanten no ámbito rural" e, pola outra, "que se bonifique a aquelas que xeren actividade e postos de emprego, detendo así o despoboamento que se está a producir".
"Con case 200.000 hectáreas queimadas este verán en todo o país, das que a metade foron no noroeste peninsular, e con preto de 50.000 hectáreas queimadas en Galicia, merece a pena facer unha reflexión profunda de por que ocorre isto, e ocorre porque hai un abandono do rural clarísimo, que non se afronta por parte da Xunta de Galicia desde hai anos", afirmou.
A ordenación do territorio e a loita contra o minifundio
González Formoso lembrou que "con máis de 2 millóns de hectáreas de bosques somos unha das comunidades con maior superficie forestal de España e, aínda así, estamos á cola en superficie forestal protexida, estando só o 15% catalogada como Red Natura ou Espazo Natural Protexido, 26 puntos por debaixo da media española que está no 41%".
Apuntou que "só o 12% da superficie forestal de Galicia está ordenada polo que para superar este reto requírese dunha revolución da estrutura territorial do país, atacando o minifundio, ampliando a superficie territorial, e facendo habitable e rendible a contorna rural". "Galicia arde porque se baleirou o rural debido ao minifundio", sentenciou.
Puxo tamén sobre a mesa a posibilidade de dar "incentivos fiscais de exención, bonificación ou mellora en certos tributos que se pagan a nivel estatal como pode ser o imposto de sociedades para que as empresas se asenten no rural". "Son fórmulas innovadoras que nos permitirían coñecer unha Galicia rural, de progreso, onde se recupere poboación e se fixe talento", salientou.
Dar servizos á cidadanía desde o rural
O presidente provincial falou de "defender os dereitos dos territorios fomentando que aqueles servizos que se poidan prestar desde o rural non teñan porque ser desde o ámbito urbano" e, neste sentido, "a Deputación da Coruña, quinta provincia económica do país, ten a súa oficina de xestión de proxectos europeos, onde se tramitan centos de millóns de euros, non na cidade da Coruña ou na capital de Galicia en Santiago de Compostela, está nun pobo de 1.300 habitantes que se chama A Capela". "Estamos fartos de discursos baleiros e gústanos aplicar a política con feitos, non todos os que quixésemos porque non somos capaces de revolucionar o mundo, pero se todas e todos damos pequenos pasos estou convencido de que o rural recobrará forza, recuperaremos á mocidade, os nosos avós poderán desfrutar todos os días dos seus netos e netas e, ademais, non arderán os nosos montes", expresou.
Formoso tamén fixo referencia á importancia de que "a lexislación que se aprobe nos territorios urbanos sexa respectuosa coa idiosincrasia dos territorios" xa que "por exemplo, non pode ser que a Lei do solo de Galicia fose deseñada nun estudio na Castellana en Madrid, porque non funcionou e fixo pobres a 2.300.000 galegos e galegas nun só día". "Aprobouse a lei un 31 de decembro de 2002 e o 1 de xaneiro de 2003 aqueles que crían que tiñan un pequeno patrimonio pasaron a ter cero euros", indicou.
"Deamos confianza á xente do rural, non impoñamos leis que non teñan sentido", reclamou González Formoso, recriminando "esa capacidade de restrinxir a liberdade no rural, de impoñer a súa forma de vida desde o urbano, esa mentalidade de que todo o que significa rural estropea o medio ambiente, esa imposición de preservación do medio ambiente pensando que aquel e aquela que vive no mundo rural, nunha contorna que leva preservando durante séculos, non pode facelo sen que o Parlamento nacional e autonómico o decida".
Un verán negro
Con 293.000 hectáreas queimadas, o ano 2022 converteuse no ano con maior superficie queimada en España, desbancando así ao 2012, exercicio no que máis de 189.000 hectáreas quedaron arrasadas. En Galicia arderon máis de 44.000 hectáreas, a segunda maior cifra desde o ano 2006, cando se calcinaron 96.000 hectáreas.
Unha ducia dos incendios na comunidade convertéronse en grandes incendios (os que superan 500 hectáreas) e o Goberno Central declarou zona catastrófica en 20 concellos afectados.
Ante estes datos, Formoso avogou pola "prevención durante todo o ano, abandonando dunha vez por todas a tese dos incendios provocados e obviando a importancia de investir diñeiro, recursos e tempo en anticiparse ao que pode pasar". "Non se debe perder tanto o tempo falando de extinción e hai que apostar pola prevención", subliñou.
Neste sentido, tamén sinalou a "falta de medios" como outra das causas da vaga de incendios xa que "os operativos despregados para extinguir o lume estiveron desbordados desde o primeiro momento pola falta de medios técnicos, materiais e humanos, sendo os veciños e veciñas das zonas afectadas os que tiñan que facer labores de apoio".