Estás en:Novas

A Deputación destinará 140.000 euros para financiar o equipamento do novo centro de día e residencial de ASPAS en Santiago

Valentín González Formoso visitou esta nova infraestrutura da entidade e comprometeu a inclusión dunha partida nos orzamentos provinciais de 2023 para acometer este investimento

O presidente e a deputada de Benestar Social, Ana Lamas, fixeron entrega dun novo vehículo adaptado para a entidade

Formoso destacou a "gran labor social que realiza ASPAS" e lembrou que contan co apoio da Deputación para sufragar iniciativas como o 'Programa de respiro familiar' ou a mellora do seu centro ocupacional

A Deputación destinará 140.000 euros para financiar o equipamento do novo centro de día e residencial de ASPAS en Santiago

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitou hoxe en Santiago de Compostela o novo centro de día e residencial da Asociación de Pais de Persoas con Discapacidade Intelectual (ASPAS) e comprometeuse a incluír nos orzamentos provinciais para o ano 2023 unha partida para financiar o equipamento desta infraestrutura.

O novo módulo, que o presidente coñeceu acompañado da deputada de Benestar Social, Ana Lamas, e de membros da directiva da entidade, está construído anexo ao antigo e conta con preto de 1.200 metros cadrados de superficie, que permitirán ampliar de 30 a 70 as prazas dispoñibles para o Centro de Día e, ademais, ofrecer 20 prazas de residencia en habitacións dobres. A entidade completará así a súa ampla oferta de servizos, que tamén conta cun centro ocupacional de 66 prazas e vivendas tuteladas nas que residen 24 persoas.

Formoso e Lamas aproveitaron a visita para facer entrega dun novo vehículo adaptado de 9 prazas para a entidade social e para coñecer en detalle o traballo que se fai en ASPAS, unha asociación que conta co apoio da Deputación a través das diferentes liñas de subvencións a entidades sociais.

O presidente destacou "o gran labor social que realiza ASPAS" e tamén salientou a importancia de dotar as entidades destes vehículos adaptados "que en moitas ocasións son o único medio de transporte que teñen as persoas usuarias para poder ir cada día ao centro a realizar a súa actividade".

Pola súa parte, Ana Lamas destacou a función que fai ASPAS "prestando servizos, non só ás persoas con discapacidade intelectual, senón tamén ás súas familias, ofrecendo un apoio indispensable nos coidados".

Apoio provincial

A Deputación da Coruña mantén unha colaboración estreita e habitual con ASPAS, que se materializa no apoio económico que a entidade provincial dá á asociación a través das subvencións a entidades sociais e que permiten sufragar iniciativas como o 'Programa de respiro familiar' ou a mellora do seu centro ocupacional.

No caso do 'Programa de respiro de fin de semana, festivos e emerxencia familiar' ASPAS recibe este ano axuda da Deputación para financiar este servizo, que conta con dúas modalidades: unha estancia temporal para persoas con discapacidade, que se realiza nos dous pisos tutelados dos que dispón nas fins de semana, festivos ou épocas vacacionais; e un servizo de respiro por horas e/ou días, a través do que liberan ás familias calquera día da semana para poder ir a traballar, descansar...

Por outra banda, a Deputación destina 23.994 euros para realizar investimentos de mellora da calidade do centro ocupacional e residencial da entidade. Co obxectivo de poder prestar unha formación laboral e un espazo de vivenda adecuado, adquírense e actualízanse os materiais, maquinarias e infraestruturas necesarias como: lavadoras, secadoras e refrixeradores industriais, camas, sillóns, curta céspede, hidrolimpadora, carretilla eléctrica, microondas...

ASPAS

A Asociación ASPAS ofrece servizos ás persoas con discapacidade intelectual independentemente do tipo de discapacidade, grao e sexo, e ás familias, titores e outros socios destas. Entre os seus servizos ofrecen: atención integral a persoas con grandes necesidades de apoio en residencia con centro de día, atención diúrna individualizada, formación para o desenvolvemento persoal e profesional, un fogar onde convivir e desenvolver a súa autonomía doméstica e social e promoción do emprego.

Para isto dispoñen dun centro residencial, un centro de día, un centro ocupacional, vivendas comunitarias e un centro especial de emprego.