Formoso sinala o Parador da Costa da Morte como “un dos elementos de cohesión desta comarca ante unha catástrofe como a do Prestige”
A súa construción foi unha das medidas para contrarrestar os danos que causou o afundimento do buque na zona na que hoxe se erixe.
A administración provincial investiu 2 millóns de euros na mellora dos accesos a esta infraestrutura.
O presidente da Deputación da Coruña acudiu esta mañá á inauguración oficial, quen acompañou á Ministra de Turismo, Comercio e Industria do Goberno de España, Reyes Maroto; o presidente de Paradores, Pedro Saura; o director do Parador da Costa da Morte, Julio Castro Marcote; a Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro; o rexedor local, Iago Toba, e os seus homólogos e homólogas da Costa da Morte.
Esta mañá tivo lugar a inauguración oficial do Parador da Costa da Morte, nun acto que contou coa presenza do presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, quen acompañou á Ministra de Turismo, Comercio e Industria do Goberno de España, Reyes Maroto; o presidente de Paradores, Pedro Saura; o director da instalación, Julio Castro Marcote; a Directora Xeral de Turismo de Galicia, Nava Castro, o rexedor local, Iago Toba e os seus homólogos e homólogas da Costa da Morte.
Precisamente, o presidente provincial aludiu á "unión desta comarca" como un dos piares fundamentais para a construción do nonaxésimo sétimo edificio destas características en España.
"Hoxe é un día moi importante para a Costa da Morte, para a provincia, para Galicia e tamén para o noso país", comezaba a súa intervención Formoso na quenda de discursos inaugurais.
"Atopámonos hoxe aquí na provincia con máis extensión litoral de toda España; unha comarca de lendas, co maior número de naufraxios do mundo, o que nos fai pensar na súa singularidade", proseguía.
O afundimento por mor dunha brecha no Prestige supuxo un cambio no marco lexislativo europeo, situación á que fixo referencia o presidente da Deputación. "Imaxinádevos cantas catástrofes se evitaron desde aquel momento, non sen antes moito esforzo para implementar esta medida na frota europea".
Hoxe o Parador da Costa da Morte é un dos principais atractivos da Comarca, funcionando como foco de atracción turística para milleiros de turistas que logo se desprazan ata os municipios limítrofes. É o segundo mellor valorado da rede de Paradores e a súa ocupación está este mes por riba do 93%.
"Quero resaltar a coordinación entre administracións nun ámbito de especial relevancia como é o Turismo: Estado, Xunta de Galicia, Concellos e Deputación da Coruña traballan en conxunto dunha maneira modélica", sinalando o investimento do ente provincial con 2 millóns de euros para mellorar os accesos ao edificio.
Formoso finalizou non sen antes agradecer "a toda a Comarca polo esforzo que fai de cara a Galicia", e convidando "a que siga así de unida, porque ten moito futuro".