Estás en:Novas

O Arquivo da Deputación promociona o patrimonio megalítico a través do documento do mes de outubro

O ente provincial dedica unha nova entrega do seu 'Documento do mes' ao rescate dalgunhas das primeiras mostras de arquitectura monumental provinciais

Con este documento, a Deputación busca un obxectivo de dinamización territorial, fomentando unha ruta arqueolóxica megalítica

O Arquivo da Deputación promociona o patrimonio megalítico a través do documento do mes de outubro

O Arquivo da Deputación da Coruña promociona o patrimonio e o turismo megalítico nunha nova entrega do seu 'Documento do mes', buscando un obxectivo de dinamización territorial e fomentando unha ruta arqueolóxica megalítica.

No mes de outubro o Arquivo Provincial publica un documento no que se destacan os "6.000 anos de antigüidade patrimonial, 200 de historia institucional ou 60 de promoción do turismo" como "razóns suficientes para dedicar un documento do mes ao rescate dalgunhas das primeiras mostras de arquitectura monumental provinciais. Dolmens coma o de Dombate, o de Axeitos (Ribeira) ou o de Cabaleiros (Tordoia) forman parte do patrimonio da Deputación da Coruña.

O documento rememora a historia de adquisición destes monumentos, cando nos anos "sesenta e setenta a modernización do sistema deriva na actualización de competencias das deputacións, entre elas, a obriga de asumir a conservación de monumentos e lugares artísticos e históricos".

"É así como podemos relacionar o incremento dos bens provinciais con personaxes como Chamoso Lamas, Luís Quintas, Teodoro Sandomingo, Losada-Trulock, Fernández-Gago ou os presidentes Porto Anido e Rodríguez Madero, xunto con órganos como a Comisión Especial de Defensa de Castelos, Pazos e restos históricos de interese", detalla o documento, lembrando que "entre as súas primeiras recomendacións están a adquisición do Castelo de Vimianzo, as Torres de Altamira, o Mosteiro de Caaveiro ou os dolmens de Dombate, Axeitos e Cabaleiros".

O 'Documento do mes' de outubro salienta que "neste contexto de promoción institucional do turismo, os monumentos constitúen un reclamo atractivo para recuperar zonas tradicionalmente desatendidas da provincia". "Nun territorio como o noso, cheo de rochas de granito, abundan as audaces construcións megalíticas formadas por enormes laxas graníticas, obras titánicas emprendidas por centos de homes dunha cultura descoñecida. Constitúen un tesouro milenario, as primeiras formas de arquitectura monumental, xunto con manifestacións artísticas relacionadas, como ídolos antropomorfos ou curiosos petróglifos e pinturas rupestres sobre as súas laxas. De maneira que fomentar unha ruta arqueolóxica pola máxica terra de dolmens, castros e mámoas, representa potenciar valores estéticos, históricos, didácticos e patrimoniais. Posto que, a crecente relevancia deste fenómeno megalítico, comporta a conservación do patrimonio cultural como patrimonio colectivo", sinala.

Ligazón ao 'Documento do mes' de outubro do Arquivo da Deputación da Coruña:

https://arquivo.dacoruna.gal/files/4416/6616/1864/Documento_do_mes_outubro-Dolmenes.pdf