A Deputación da Coruña amosa o seu apoio ás reivindicacións de estabilidade laboral das traballadoras do Consorcio Galego de Igualde e Benestar
Valentín González Formoso recibiu hoxe no pazo provincial a representantes das traballadoras, que están en folga para conseguir que se lles valore a súa experiencia
O pleno aprobou unha moción en apoio ás demandas das traballadoras
Esta entidade é un dos servizos públicos con maior taxa de temporalidade, pasando esta do 90%
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, recibiu hoxe a Flor López, Ledicia Castro e Eva Calvo, representantes das traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar e transmitiulles o apoio da administración provincial ás súas reivindicacións de estabilidade laboral.
Formoso destacou "o importante labor que realizan estas traballadoras, que se viu magnificada durante a pandemia pero que, para os usuarios e usuarias que atenden foi, é e será sempre vital" e instou á Xunta de Galicia a que "atenda as súas peticións, que son totalmente lóxicas e que simplemente suporía equiparar a súa situación á do resto de traballadores e traballadoras públicos".
No pleno de hoxe aprobouse tamén, co voto favorable de todos os grupos políticos agás o PP, unha moción de Marea Atlántica, emendada polo PSdeG-PSOE, en apoio ás demandas de estabilidade laboral deste colectivo.
As traballadoras do Consorcio Galego de Igualdade e Benestar iniciaron unha folga que prevé estenderse durante os primeiros quince días de mes entre setembro e decembro. Loitan para que se lles valore a súa experiencia e bagaxe profesional nas prazas do Consorcio que saen a proceso de estabilización e que afectan a 1.500 profesionais xa que non se ten en conta prioritariamente e iguálase a baremación desta experiencia das profesionais do Consorcio coa das doutras administracións diferentes.
O Consorcio Galego de Igualdade e Benestar atende a unha media anual de case 20.000 persoas e familias usuarias nos seus distintos servizos: escolas infantís, centros de día, vivendas comunitarias, centros residenciais, oficinas de igualdade e benestar ou o servizo de Xantar na Casa. Tense convertido nunha das administracións con maior taxa de temporalidade, pasando esta do 90% e afectando claramente ás mulleres, xa que máis do 95% das máis de 2.000 persoas que traballan nesta entidade son mulleres.