A Deputación e Fademur conmemoran mañá en Santiago o Día Internacional da Muller Rural
Arredor de 600 mulleres dos concellos rurais da provincia participarán nun acto que terá como tema central o relevo xeracional no rural galego
Durante a xornada premiarase a traxectoria de catro mulleres que destacan en distintos eidos no ámbito rural
A Deputación da Coruña e Fademur Galicia reunirán este sábado a Santiago de Compostela a máis de 600 mulleres dos concellos rurais da provincia para celebrar o Día Internacional da Muller Rural.
O acto celebrarase no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago e será inaugurado polo alcalde da cidade, Xosé Sánchez Bugallo, a presidenta de Fademur Galicia, Verónica Marcos Arrojo, e o presidente da Deputación, Valentín González Formoso.
A xornada ten como obxectivo "facer visible e recoñecer publicamente o importante papel das mulleres no rural galego", segundo explicou Formoso, que explicou que a xornada deste ano terá como eixe central o relevo xeracional no medio rural "un asunto clave para o futuro do campo galego, xa que neste momento os e as titulares de explotacións menores de 35 anos non chegan ao 4% do total", afirmou.
O tema desenvolverase en profundidade nunha mesa redonda coa participación de catro mulleres que desenvolven os seus proxectos vitais e profesionais no eido rural: Sandra Aldrey e Ana Corredoira, gandeiras produtoras de leite; María Jesús Chenel, gandeira dedicada á produción de carne, e Erika Lema, dedicada aos produtos da horta.
Recoñecementos a mulleres do mundo rural
Como cada ano, durante o acto realizarase tamén un recoñecemento a mulleres e entidades do mundo rural que destacan polo seu compromiso co mundo rural e a súa aposta pola cultura, a igualdade, a innovación ou a posta en valor dos produtos autóctonos. As gañadoras das diferentes categorías daranse a coñecer durante o acto.
A xornada será clausurada pola presidenta de Fademur España, Teresa López, e o secretario xeral de Unións Agrarias- UPA, Roberto García.