Estás en:Novas

Formoso insta á Xunta a seguir o modelo da Deputación da Coruña “incrementando o financiamento dos concellos en base a criterios obxectivos e previsibles”

O presidente denuncia que mentres a Xunta mantén conxeladas as achegas aos concellos do Fondo de Cooperación Local desde hai unha década, a Deputación multiplicou por catro o financiamento dos municipios coruñeses

Presentou ante a Comisión de Economía do Parlamento de Galicia o proxecto de orzamento da Deputación para 2023, que ascende a 207,2 millóns de euros e será o máis alto da historia da institución provincial

Destaca a "resposta áxil e eficaz" da Deputación á crise máis grave das últimas décadas, con 20 millóns de euros en axudas directas aos sectores máis afectados pola pandemia e a guerra de Ucraína e 5.376 empregos creados ao abeiro do Plan de Emprego Local.

O Plan Único 2023, cunha consignación inicial de 47 millóns de euros que volverá a incluír 7 millóns de euros para gasto social nos concellos, o PEL (12,9 millóns de euros) e os plans de mellora da rede provincial de estradas (15 millóns de euros) destacan entre os programas de investimentos

Reactivación económica, creación de emprego, reforzo dos programas sociais e apoio ás necesidades dos concellos serán os eixes da acción da Deputación en 2023

Formoso insta á Xunta a seguir o modelo da Deputación da Coruña “incrementando o financiamento dos concellos en base a criterios obxectivos e previsibles”

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, compareceu esta mañá ante a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos do Parlamento de Galicia para presentar as liñas principais do orzamento da institución provincial para o exercicio 2023, nos que a aposta polo emprego e a reactivación económica da provincia, o reforzo dos programas de protección social e apoio aos concellos da provincia serán os eixes fundamentais da acción do Goberno provincial que preside.

Formoso anunciou que o proxecto de orzamento da Deputación da Coruña para o vindeiro ano, que será sometido á aprobación do pleno de novembro, ascenderá a 207.198.000 euros, o que supón un incremento do 9,4% sobre o do presente exercicio, representando "o orzamento máis alto da historia da institución provincial", e destacou que, un ano máis, todos os investimentos e plans da Deputación financiaranse con recursos propios, sen apelación ao crédito, mantendo a actual situación de "débeda cero".

Formoso destacou que a Deputación da Coruña, unha institución bicentenaria, "foi capaz neste mandato de ofrecer unha reposta áxil e eficaz ás necesidades de cidadanía e concellos, adaptando os seus plans de investimentos á realidade socioeconómica máis complexa das últimas décadas", fronte a unha Xunta "ancorada no inmobilismo", á que demandou unha reforma urxente do sistema de financiamento local.

O presidente debullou algunhas das principais medidas adoptadas pola Deputación para combater esta situación, entre elas o Plan Único, o maior plan de cooperación local das catro deputacións galegas. "Un novo modelo de cooperación municipal que supuxo multiplicar por catro os fondos que a Deputación achega aos concellos para financiar obras e servizos, pasando de 25 millóns anuais a 100 millóns de euros anuais" e "devolvendo aos concellos o poder de decidir", xa que son estes os que elixen en que investir os fondos provinciais en función das súas necesidades particulares.

"Hoxe os concellos coruñeses reciben da Deputación entre catro e cinco veces máis fondos que nos mandatos anteriores e ademais o reparto baséase en criterios obxectivos e previsibles", afirmou Formoso, que contrapuxo o sistema coa discrecionalidade dalgunhas das convocatorias da Xunta de Galicia, cun Fondo de Cooperación Local "conxelado desde hai unha década en 113 millóns para os 313 concellos galegos", a pesar do constante incremento das competencias que a administración autonómica deriva ás entidades locais "sen dotalas de financiamento adecuado".

"O que pedimos á Xunta é o que eles mesmos reclaman cando pasan de Pedrafita e lle piden ao Goberno de España que reparta o financiamento ás comunidades autónomas con criterios claros e obxectivos", afirmou Formoso, que lembrou que o Plan Único demostrouse "unha ferramenta eficaz, apoiando os concellos no gasto social, o aumento do gasto corrente e o incremento dos prezos das obras públicas", os seus principais problemas nestes anos difíciles.

5.376 empregos e 20 millóns en axudas directas aos sectores máis afectados pola crise

Formoso destacou tamén as cifras alcanzadas polo Plan de Emprego Local (PEL), un dos principais programas da Deputación da Coruña. Lembrou que cando chegou á presidencia da Deputación o orzamento para Emprego era de apenas 900.000 euros e que, seis anos despois, cun investimento de 106 millóns, a Deputación impulsou a creación de 5.376 empregos, apoiou a 2.062 empresas de nova creación, concedeu 4.472 axudas directas, por importe de 20 millóns de euros aos sectores máis afectados pola pandemia e a Guerra de Ucraína, entre eles o agrogandeiro, o do transporte, o pesqueiro, a hostalaría ou o sector das orquestras e creou unha Rede de Espazos de Coworking con 11 centros na provincia, que permiten "reter o talento emprendedor e crear oportunidades de emprego no noso territorio".

O presidente considerou que a Xunta debería replicar este modelo cun Plan de Emprego Galego, de similares características, "que permitiría crear 20.000 empregos".

O gasto social volverá subir un 7,6% en 2023

O presidente destacou tamén o incremento do 137% no gasto social nos últimos anos. "Subimos de 4 a 8 millóns o Plan de Servizos Sociais Comunitarios. Hoxe financiamos 386.000 horas de Servizo de Axuda no Fogar, subimos de 90 a 177 o número de persoas contratadas nos servizos sociais dos concellos e pasaron de 195 a 277 as entidades que contan co apoio económico da Deputación", remarcou Formoso, que anunciou que, nos orzamentos de 2023, incrementarase de novo o gasto social nun 7,6% respecto a 2022, ata chegar aos 22,8 millóns de euros.

74,6 millóns de investimento en plans provinciais

Valentín González Formoso detallou que a Deputación da Coruña destinará en 2023 un total de 74.695.000 euros aos distintos plans provinciais, entre os que destaca, un ano máis, o Plan Único (POS+2023) que contará cunha dotación orzamentaria inicial de 47 millóns de euros para financiar obras e servizos públicos nos 93 concellos coruñeses, unha cantidade que, como todos os anos, irá incrementándose progresivamente coa incorporación de remanentes ao longo do exercicio.

Dentro deses 47 millóns figura unha partida de 7 millóns de euros para gastos sociais coa que os municipios da provincia poderán continuar financiando cuestións prioritarias no eido social coma a ampliación dos Servizos de Axuda no Fogar, programas de respiro familiar e conciliación familiar e laboral, ou axudas directas ás familias máis vulnerables que están sufrindo especialmente os efectos da crise.

Outros plans provinciais importantes durante o vindeiro ano serán os preto de 15 millóns de euros destinados a investimentos, conservación e construción de sendas peonís e travesías urbanas nos máis de 2.100 quilómetros da rede provincial de estradas ou o incremento orzamentario que, un ano máis, a Deputación destinará ao Plan de Emprego Local (PEL), que este ano alcanza os 12.890.000 euros de orzamento inicial, o que demostra que a aposta pola creación de emprego e o apoio ao emprendemento seguirá a ser un dos obxectivos principais do Goberno provincial.

Neste eido, Formoso anunciou os plans de goberno provincial de incorporar tres novos espazos de coworking á Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo nas cidades da Coruña, Santiago e Ferrol, que se sumarían aos 11 xa existentes en 2023.

A Deputación reserva 3.370.262,76 euros para o financiamento do Consorcio Provincial de Bombeiros e un incremento de 300.000 euros na achega para os GES.

Incrementaranse tamén nun 31% os fondos destinados á promoción da igualdade e un 2,48% os recursos para o fomento da lingua galega.

No apartado de patrimonio, destaca unha partida de 1 millón de euros para a posta en valor das baterías militares da costa norte (Ferrol, Ares e Valdoviño).