Estás en:Novas

José Ramón Rioboo salienta a importancia da “coordinación entre profesorado, familia e alumnado” para mellorar a convivencia nos centros educativos

O deputado participou hoxe no Pazo de Mariñán nunha xornada de formación sobre o 'Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e a súa contorna'

José Ramón Rioboo salienta a importancia da “coordinación entre profesorado, familia e alumnado” para mellorar a convivencia nos centros educativos

O deputado José Ramón Rioboo participou hoxe no Pazo de Mariñán na xornada de formación sobre o 'Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e a súa contorna' e salientou a importancia da "coordinación entre profesorado, familia e alumnado".

Rioboo, que estivo acompañado no acto inaugural da subdelegada do Goberno, María Rivas, a alcaldesa de Bergondo, Alejandra Pérez, e o director de Alta Inspección de Educación de Galicia, Manuel Regueiro, afirmou que "é importante que todos nos involucremos nisto. De nada vale o traballo que se fai na escola se, cando o rapaz ou rapaza chega á casa, os estímulos que recibe son totalmente opostos ao que se lle está a ensinar e dicir no colexio".

"Debemos contribuír a que cuestións como o acoso escolar, en todas as súas manifestacións posibles, desaparezan dunha vez por todas", subliñou o deputado, que fixo fincapé en que "os nosos fillos e fillas teñen dereito a ir a clase cunha sensación de seguridade, sen ningún tipo de medo e con toda a liberdade de expresarse como eles son".

Ademais, comentou que "o Plan Director tamén fai posible esa actualización, tan necesaria, dos métodos que se teñen que levar a cabo xa que vivimos nunha sociedade tecnolóxica e a convivencia nas aulas non é allea a ese contexto". "O ciberacoso escolar é unha realidade e hai enquisas que din que máis da metade dos adolescentes de entre 13 e 17 anos teme sufrir acoso a través de Internet ou das redes sociais, tan en auxe e que, a pesar de que tamén teñen cousas positivas para o seu desenvolvemento, se non se usan dun xeito adecuado poden funcionar como un arma de dobre fío", explicou.

Ciberseguridade, violencia contra a muller, adiccións e acoso escolar

A xornada formativa sobre o 'Plan Director para a convivencia e mellora da seguridade escolar nos centros educativos e a súa contorna' celebrada hoxe no Pazo de Mariñán estivo organizada pola Subdelegación do Goberno na Coruña e a área de Alta Inspección de Educación do Goberno de España.

A programación incluíu, ao longo de todo o día, varias mesas de debate nas que diferentes expertos abordaron problemas como: a ciberseguridade, a violencia contra a muller, as adiccións ou o acoso escolar.