A segunda Mesa dos Camiños destaca o esforzo feito para a internacionalización do Camiño Inglés e do de Fisterra-Muxía
Onte reuníronse no Pazo de Mariñán 22 entidades, convocadas pola Deputación da Coruña, para facer balance das actuacións levadas a cabo nestes anos xacobeos
Antonio Leira valorou a colaboración "con entes británicos, daneses e italianos" e con "oficinas de turismo e entidades sen ánimo de lucro no estranxeiro"
Púxose sobre a mesa, como proxecto de futuro, solicitar que ambas as dúas rutas fosen declaradas patrimonio da humanidade pola Unesco
A Deputación da Coruña convocou onte, venres 4 de novembro, no Pazo de Mariñán a 22 entidades para a segunda xuntanza da Mesa dos Camiños, na que os representantes do Camiño Inglés e da prolongación a Fisterra-Muxía destacaron o esforzo feito para a internacionalización destes dous itinerarios.
No encontro, presidido polo deputado Antonio Leira e no que tamén participaron os presidentes das asociacións dos concellos respectivos, Xosé Manuel Pequeño (polo de Fisterra-Muxía) e Manuel Mirás (polo Camiño Inglés), fíxose balance das actuacións levadas a cabo nestes anos xacobeos.
Antonio Leira explicou que "este esforzo materializouse na colaboración con entes británicos, daneses e italianos" e "con oficinas de turismo e entidades sen ánimo de lucro, todas elas no estranxeiro, e a excelente acollida por parte dos embaixadores españois que tiveron as distintas comisións enviadas para o efecto".
Así, deuse conta, entre outras accións, da sinatura dun convenio co organismo encargado da xestión turística e cultural do condado inglés de Durham, onde nace o Inglés, do respaldo mutuo para potenciar e difundir o Camiño coas autoridades da cidade de Reading, dos contactos coas de Cornualles, da promoción dunha guía en Roma e das conferencias impartidas en Copenhague.
Pola súa banda, Manuel Mirás salientou que en territorio galego "faltan servizos e iniciativas para dar unha mellor acollida ao camiñante", e pediu "un esforzo para implicar máis á poboación local, especialmente á relacionada coa restauración e a hostalaría". "Temos que facer un Camiño Inglés máis inclusivo e eliminar os puntos perigosos cando van polas estradas", rematou.
Xosé Manuel Pequeño, que tamén é alcalde de Dumbría, recoñeceu que "ao ser a súa unha entidade de máis recente creación, non teñen desenvolvido tantas iniciativas" pero que "están comezando un proxecto de mellora da calidade da Prolongación e desenvolvemento de produto".
Por último, púxose sobre a mesa, como proxecto de futuro, facer un estudo en profundidade para seguir adiante coa petición dos empresarios da provincia de solicitar que ambas as dúas rutas fosen declaradas patrimonio da humanidade pola Unesco.
Antonio Leira explicou que "se presentou un informe da Dirección Xeral de Patrimonio que convenceu aos asistentes de que o asunto merece unha análise en profundidade, posto que coa moratoria imposta pola propia Unesco agora mesmo é inviable levar adiante a proposta" e amosou a súa satisfacción polo interese manifestado, "e non é un falar, xa que estivemos tres horas debatendo a orde do día".