Estás en:Novas

Os produtos "que saben" arrasan na primeira xornada do Fórum Gastronómic de Barcelona

Os cociñeiros Diego Castro Mato do restaurante Casa Nené de Arzúa, e Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño, protagonizan os showcookings da primeira xornada

Baixo o selo 'A provincia que sabe', a promoción gastronómica que se está a realizar no posto de Turismo da Deputación ofrece a única "cociña que fala galego" en toda a programación da Feira

Os produtos

Público e profesionais dun amplo espectro sectorial están a participar nas actividades e promocións que a área de Turismo da Deputación da Coruña está desenvolvendo na primeira das xornadas do Fórum Gastronómic de Barcelona. Baixo o selo 'A provincia que sabe', nesta edición a Deputación apostou por incorporar as habituais degustacións e showcookings, a presenza de produtores e produtoras, xerentes e/ou CEOs de varias marcas de produtos agroalimentarios, procedentes dos xeodestinos da provincia. Deste xeito, profesionais de puntos de venda, de cadeas de distribución, cociñeiros e cociñeiras procedentes doutros territorios da península, bloggers e críticos gastronómicos están a ser atendidos directamente polos propios produtores e xerentes das marcas gastronómicas expostas.

A idea é, segundo indica o vicepresidente e deputado de Turismo, Xosé Regueira, "dar a oportunidade a produtores e produtoras a participar de forma activa nunha das feiras sectoriais que máis repercusión pode ter na promoción dos seus produtos fóra do noso territorio". Xosé Regueira insiste en que se trata de "dar mostra da diversidade e calidade da cadea agroalimentaria e gastronómica como unha das fortalezas turísticas da provincia", co obxecto último de "procurar un retorno efectivo para produtores, distribuidores e hostalería e orientar a promoción cara ao turismo consciente e de calidade". O stand da Deputación no Fórum volve ofrecer, un ano máis, e a única "cociña que fala galego" en toda a programación da Feira.

Showcookings e degustacións

O cociñeiro Diego Castro Mato do restaurante Casa Nené de Arzúa, foi o encargado de abrir a quenda de showcookings elaborando unha receita de carpaccio de cogomelo Porto Velo con queixo Galmesan e xema de ovo, carrileira de vaca esmigalladas con puré de cabaza e salsa de queixo Barral; e sobremesa de queixo As Vervas con marmelo de freixo e mel de Portodemouros e améndoa tostada. Tamén na xornada deste luns, na quenda de tarde cociñou en directo o cociñeiro Óscar Galandum da Taberna Bardancas de Cariño.

Na xornada de mañá martes, será a quenda de Lolo Mosteiro e Paula Martínez do restaurante A artesa da Moza Crecha de Betanzos, e de Antonio Díaz Calvo do gastrofood AUTGA de Terras do Eume. Na última xornada, o mércores serán Bea Hermida e Óscar Ures do restaurante A Cunca de Buño, os encargados de poñer o peche á programación de showcookings nesta edición.

En canto ás degustacións, o público asistente ao Fórum Gastronómic pode saborear, mais tamén coñecer da man dos produtores e produtoras, os queixos Barral, As Verbas e Galmesan, os tres de Arzúa, as galletas Maruxas de Nata de San Sadurniño; as algas de Mar de Ardora de Ortigueira; conservas La Pureza de Cariño; e torta de améndoa de Vila sen Vento do Pino. O martes, tamén está prevista unha charla-degustación de viños, a cargo do sumiller Alberto Varela baixo o título 'A Coruña, unha historia de viños'

Produtos agroalimentarios "que saben"

Ademais das propias degustacións, o posto de Turismo da Deputación da Coruña deu cabida a produtores e produtoras, xerentes e/ou CEOs de varias marcas de produtos agroalimentarios, procedentes de diferentes xeodestinos da provincia. Así, están presentes de forma permanente durante os tres días de Fórum a seguinte selección de producións:

  • Arzúa: Queixo Galmesán, representado pola xerente da marca, Carmela Cano
  • Arzúa: Queixería As Verbas, representado por un dos tres socios e gandeiro, Xosé Lois Fernández Segade
  • Arzúa: Queixos Barral, a cargo de Francisco Muñoz e Laura Arrasa, representantes da marca en Barcelona
  • O Pino: Bica e torta de améndoa de Vila sen Vento
  • Santiago de Compostela: Vermú Sardino, con presenza dos tres propietarios da marca, Ramón Costas, Carlos Rey e Alfonso Méndez-Benegassi
  • Carballo: Empanada 'Costumes gastronómicos de Galicia', representado polo director comercial, Antonio Claro, e polo xerente e panadeiro, Francisco Fraga
  • Carballo: Licores Bello Blanco, a cargo do propietario Borja Bello Blanco
  • Coristanco: Legumes 'A Despensa D'Lujo', con presenza de Lucía Calvo e José Iglesias
  • A Pobra do Caramiñal: A Conserveira, representada por Diego González Rodríguez
  • Cariño: Conservas vexetais 'Amieiro'
  • Cariño: Conservas 'La Pureza'
  • San Sadurniño: Galletas 'Maruxas de Nata'
  • Ortigueira: Algas 'Mar de Ardora'