A Deputación da Coruña alíase con Ferrol para impulsar a candidatura da cidade a Patrimonio Mundial
Formoso lembra que só Concello e Deputación aportan fondos e reclama á Xunta de Galicia apoio económico á candidatura de Ferrol: "O resto de elementos patrimoniais do mundo que compiten con Ferrol teñen o apoio do seu goberno rexional"
Valentín González Formoso e Ángel Mato asinaron hoxe na casa consistorial ferrolá o convenio polo que a ambas institucións financian con 100.000 € accións de difusión e apoio cidadá á candidatura "Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración'
Ángel Mato agradece o apoio e subliña "o compromiso estable da Deputación da Coruña para poñer en valor o noso patrimonio histórico"
A Deputación da Coruña involúcrase de cheo na campaña de apoio cidadá iniciada polo Concello de Ferrol para que a UNESCO declare a cidade como Patrimonio Mundial.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, reuníronse hoxe na casa consistorial ferrolá para asinar o convenio polo que a institución provincial achega 79.956,80 euros, o 80% do orzamento total destinado para esta campaña, que ascende a 99.946 euros.
Formoso destacou que "vimos aquí hoxe a poñer en valor os feitos, non as palabras" facendo referencia ao compromiso económico da Deputación da Coruña coa candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial. "A Deputación é a única administración, ademais do Concello, que dá fondos para que este proxecto sexa unha realidade, afirmou o presidente, que instou á Xunta de Galicia "a apoiar economicamente, e non só con palabras, a candidatura ferrolá".
"O resto de elementos patrimoniais no mundo que compiten con Ferrol pola declaración de Patrimonio Mundial teñen o apoio do seu goberno rexional e están poñendo fondos enriba da mesa para que sexa posible", lembrou Formoso, que incidiu en que "en Ferrol non está a ser así, e estamos suplindo esa falta de apoio da Xunta de Galicia desde a Deputación da Coruña".
Así, o presidente lembrou que a Deputación apoia proxectos estratéxicos para a posta en valor do patrimonio de Ferrol como o mantemento de Exponav, a recuperación das baterías de costa ou a candidatura da cidade a Patrimonio Mundial.
Formoso fixo un chamamento á sociedade ferrolá para "implicarse neste proxecto ilusionante porque non todas as cidades de Galicia, nin de España, poden intentar proclamarse Patrimonio da Humanidade. Que Ferrol o poida facer ten que ser cousa de todos e de todas, e que ademais poida supoñer un valor económico, patrimonial e de orgullo da cidade debe ser cousa de todos, tamén das administracións públicas".
"Non se pode deixar só ao Concello de Ferrol, aos ferroláns e as ferrolás, nesa intención e por iso desde a Deputación da Coruña estamos hoxe aquí, poñendo enriba da mesa parte do noso orzamento para facer realidade este sono", explicou.
Formoso destacou ademais que a Deputación reserva nos seus orzamentos de 2023 unha partida de 1 millón de euros para a recuperación das baterías de defensa costeiras, un dos puntos fortes da candidatura ferrolá, xunto con outros elementos patrimoniais de referencia coma os Arsenais, o barrio da Magdalena e naturais, como a propia ría de Ferrol. "Despois de anos de esperpento, de desmantelamento desas instalacións nas que se formaron miles de rapaces e de rapazas, e que está nunha contorna natural e paisaxística única en España, a Deputación da Coruña, xunto co Concello, a petición do seu alcalde, está en disposición de recuperar as baterías, poñelas en valor e que, polo menos, teñamos a posibilidade de devolverlle a dignidade a eses espazos e estar orgullosos do noso compromiso coa recuperación patrimonial", expuxo.
Pola súa parte, o alcalde Ángel Mato cualificou a achega provincial como "importantísima para poder seguir traballando no desenvolvemento da candidatura" e puxo o foco sobre que "a Deputación é, xunto co Concello, a principal administración impulsora deste programa e ten un compromiso estable desde hai tempo con poñer en valor o noso patrimonio histórico".
"Temos dado pasos moi importantes para poder estar na posición na que estamos e temos o compromiso de que esta candidatura vai ser a seguinte que se vai presentar desde a autonomía", explicou o rexedor, que insistiu en que "sen a achega da Deputación da Coruña e o compromiso persoal do presidente con esta cidade sería moi difícil poder chegar a este punto no que nos atopamos"
'Cidade de Ferrol. Porto da Ilustración'
Ferrol está na lista indicativa da UNESCO desde o ano 2007. Agora a súa candidatura entra na fase de conseguir a implicación e o apoio unánime da cidadanía. Necesita do respaldo social e da complicidade cidadá e para iso deseñou nun proceso participativo con distintos programas de información e difusión, pedindo explicitamente o apoio real e efectivo das veciñas e veciños para reforzar, enriquecer e engadir valor á candidatura.
A campaña financiada pola Deputación da Coruña incluíu unha serie de accións que complementaron ás xa realizadas ata o momento e que se dividen en seis eixes: lanzamento de marca e campaña de apoio á candidatura, merchandising, organización do II Festival Ilustrado de Ferrol, elaboración dun plan de medios e de redes sociais, organización do II congreso 'Ferrol destino patrimonio mundial' e deseño de diferentes actividades escolares.
Nesta última fase preténdese implicar a comunidade educativa da cidade, xerando valores de protección e conversación do patrimonio nos que serán os veciños e veciñas do futuro na cidade. Para iso levaranse a cabo diferentes propostas divulgativas, creativas e didácticas, que se materializarán en charlas e visitas guiadas nas que participarán 600 alumnos e alumnas de ESO e primaria, ademais da realización dun concurso escolar de postais.
Os obxectivos que destas accións son: informar á poboación, espertar a ilusión e a implicación social, conseguir o firme compromiso da sociedade e visibilizar e viralizar ese apoio á cidadanía.
A importancia da inclusión na lista de Patrimonio Mundial, ademais de poñer de manifesto a riqueza patrimonial do territorio, constitúe unha mostra do compromiso das administracións públicas e dos cidadáns pola súa conservación. Ademais, é o comezo dun camiño de responsabilidades que ten como finalidade o mantemento dese valor universal excepcional para as xeracións futuras.