Estás en:Novas

Formoso agradece “a implicación de Pardo de Vera” para financiar con fondos FEDER a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol

A secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana anunciou hoxe que o Goberno solicitou a inclusión nos fondos europeos dun investimento de 59 millóns de euros para as obras do tren a Caneliñas

Formoso cualificou este anuncio como "unha moi boa nova, que da resposta ás demandas trasladadas e que fai xustiza co porto de Ferrol, que ten que ser tratado igualitariamente"
O presidente participou hoxe nunha reunión de traballo no Concello de Ferrol co alcalde, Ángel Mato, e a secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Isabel Pardo de Vera

Formoso agradece “a implicación de Pardo de Vera” para financiar con fondos FEDER a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, agradeceu hoxe a "implicación de Pardo de Vera" para financiar con cargo aos fondos FEDER a conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol.

O presidente provincial participou hoxe nunha reunión de traballo no Concello de Ferrol co alcalde da cidade, Ángel Mato, a secretaria de Estado de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Isabel Pardo de Vera, o presidente de Puertos del Estado, Álvaro Rodríguez e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.

"É unha xestión difícil, tendo en conta a cantidade de peticións que hai por toda España e que é unha obra que xa está licitada, adxudicada e en execución e por tanto, que ten fondos de por si", explicou Formoso, que sinalou que "é unha moi boa nova que dá resposta ás demandas trasladadas para o porto de Ferrol, que é o motor loxístico e económico dunha comarca que é o segundo principal emprazamento industrial de Galicia e que ten que ser tratado da mesma maneira que outros polo Goberno de España".

González Formoso lembrou que esta conexión ferroviaria permitirá a Ferrol "ter a capacidade de penetrar nas principais rutas marítimas do mundo, o que abre moitas posibilidades de presente e futuro" e por iso agradeceu o traballo de Isabel Pardo de Vera, tamén "noutras actuacións moi importantes para a cidade como a avenida das Pías e, sobre todo, en que por primeira vez se tome en serio a conexión ferroviaria da comarca".
Pola súa parte, Isabel Pardo de Vera cualificou a conexión ferroviaria a Caneliñas como "un proyecto absolutamente estratégico y una oportunidad muy importante para el desarrollo de esta comarca en lo industrial". "El compromiso con este territorio se plasma hoy con la petición de financiación para el acceso ferroviario al puerto, que está en marcha, que ya está en Europa, que en breve tendrá respuesta y que será oxígeno para llevar a cabo todas las actividades programadas por esta comarca para la competitivdad del puerto de Ferrol y para que esto sea un renacer en el que ya está inmersa", afirmou.

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, agradeceu a Pardo de Vera que "desde o Ministerio se  trasladase aos fondos FEDER a posibilidade de financiamento desta obra, que está pagando integramente a Autoridade Portuaria de Ferrol" e agarda que "en breve poidamos dicir que recibimos eses fondos". "Creo que sería inxusto que o porto de Ferrol, despois de moitos anos de estabilidade económica e de crecemento, fose unha dársena que non se tratase de forma similar á de resto de portos".

Conexión ferroviaria co porto de Caneliñas

A conexión ferroviaria co porto exterior de Ferrol xa está en marcha desde hai anos. As obras, que contaron cun orzamento de 72,5 millóns de euros máis IVE, iniciáronse no mes de setembro do ano 2017, financiadas pola Autoridade Portuaria.

O trazado discorre maioritariamente baixo terra, a través dun túnel, e conta tamén cun viaduto na enseada da Malata. A execución da escavación do túnel comezou a finais do ano 2017 desde o extremo oeste, o do porto exterior, e a apertura da outra fronte, a da Graña, comezou no ano 2021.

A Avenida das Pías e o ferrocarril para Ferrol

Na reunión de traballo mantida hoxe no Concello de Ferrol tamén se trataron outros investimentos que o Goberno de España ten previstos para a cidade, como a obra da Avenida das Pías ou a aposta pola mellora da conexión ferroviaria.

Sobre este último asunto, Valentín González Formoso indicou que "vamos a iniciar un proxecto compartido coa sociedade en xeral de Ferrolterra, que conectará a comarca con Europa a través do ferrocarril" e avisou de que "tardará 15, 20, ou 30 anos en materializarse completamente pero, en calquera caso, hoxe iníciase camiño de seriedade, de solvencia, para que non esteamos permanentemente pendentes dunha partida nos Orzamentos do Estado".

Mentres, Ángel Mato destacou que "é o maior compromiso que tivo, en décadas, o Goberno de España coa cidade de Ferrol" e alentou a que "o resto de administracións públicas fagan o mesmo esforzo con Ferrol xa que boto en falta ese mesmo compromiso por parte da Xunta de Galicia".