Formoso, no vixésimo aniversario do Prestige: “Un Goberno non debe alonxar os problemas, senón enfrontalos”
O presidente da Deputación reivindica a "lección de dignidade e solidariedade" dos miles de voluntarios que retiraron miles de toneladas de fuel das costas galegas
No mesmo día que se cumpren 20 anos da maior catástrofe ambiental de España e unha das maiores de Europa, o afundimento do Prestige, o Concello de Camariñas acolleu hoxe un acto de lembranza e homenaxe ás miles de persoas que contribuíron a limpar a costa galega tras o afundimento do petroleiro.
O acto, celebrado na Casa da Pedra, contou coa participación da ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso e a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua.
Formoso reivindicou a "lección de dignidade e solidariedade da cidadanía" cunha "exemplar resposta" de miles de voluntarios que chegaron á costa galega desde todos os puntos de Galicia e España e retiraron miles de toneladas de fuel das nosas praias e cantís.
Alonxar os problemas non fai que desaparezan
O presidente destacou tamén que "da catástrofe do Prestige aprendemos leccións como que alonxar os problemas non fai que desaparezan". "Un Goberno non debe alonxar os problemas, senón enfrontalos", afirmou Formoso, que comparou "a manipulación e a mentira" dos que, mentres o chapapote cubría o mar, "negaban a marea negra e falaban de hilillos de plastilina ou galletas de fuel" coa recente xestión da pandemia na que o goberno "deu a cara", a pesar de "ter que tomar a decisión máis difícil da historia do pais: confinar á poboación, parar todo o sistema produtivo e centrar os esforzos en reforzar a sanidade".
Formoso destacou tamén que, a pesar de que hoxe contamos con máis medios e recursos para atender emerxencias no mar e na loita contra a contaminación "non debemos baixar a garda, porque os piratas do mar xa non levan parche nin pata de pau, teñen oficina en Luxemburgo e conducen Mercedes".
Unha xornada de actividades cos voluntarios como protagonistas
A programación da xornada abriuse cunha mesa redonda moderada por Santiago Garrido, xornalista de La Voz de Galicia, na que se contaron experiencias e relatos de persoas que viviron en primeira persoa o afundimento do 'Prestige': Jacqueline Lista, agora é mariscadora pero naquel momento rexentaba o Bar Piña; e Digna Romar e Carmen Pérez, percebeiras que coordinaron ás persoas voluntarias na costa de Camelle.
Logo, tras as intervencións das autoridades, realizouse unha homenaxe ao falecido Antonio Jesús Alonso Ballester, tenente de alcalde de Camariñas durante a catástrofe e encargado de coordinar o dispositivo de emerxencia.
Tras o recoñecemento, descubríronse placas conmemorativas na Casa de Pedra, edificio que foi o fogar das persoas voluntarias durante eses días, nas que, por unha banda, se recoñece o seu labor e, pola outra, se detalla a súa procedencia. Neste espazo tamén se instalou unha exposición de fotografías da fotoxornalista de La Voz de Galicia, Ana García, sobre os labores de limpeza que levaron a cabo os voluntarios.
Por último, fíxose unha visita ao mural instalado na Lonxa Vella. Trátase dunha lona xigante na fachada da Lonxa Vella na que se ilustra, a través dunha fotografía do fotógrafo José Manuel Casal un dos momentos da limpeza da costa, poñendo en valor o espectacular traballo que levaron a cabo as persoas voluntarias. Os músicos locais Belem Tajes e Fran Barcia foron os encargados de amenizar este momento.