Estás en:Novas

Formoso sinala que “a sociedade galega necesita que a muller emprenda” e reclama apoio das administracións “para aumentar a súa presenza” neste eido

Destaca que "pese ao abandono e o recorte de servizos por parte da Xunta, catro de cada cinco proxectos emprendedores que se crean na Galicia rural son impulsados por mulleres"

O presidente da Deputación da Coruña participou hoxe no encontro 'Emprendedoras y desarrollo sostenible' organizado por Fundación Mujeres no Teatro Colón

Formoso sinala que “a sociedade galega necesita que a muller emprenda” e reclama apoio das administracións “para aumentar a súa presenza” neste eido

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou hoxe na apertura do encontro 'Emprendedoras y desarrollo sostenible', organizado por Fundación Mujeres no Teatro Colón da Coruña, onde sinalou que "a sociedade necesita que a muller emprenda" e reclamou "apoio das administracións para aumentar a súa presenza" neste eido, tal e como está a facer a Deputación da Coruña.

"Que a muller vaia aumentando a súa cota de presenza neste ámbito será un sinal claro da igualdade efectiva entre homes e mulleres, un obxectivo que compartimos desde a Deputación xa que os nosos programas de emprego teñen ese mesmo fin, o de fomentar esa igualdade e permitir que arraigue aquí o talento, e é a iso ao que destinamos máis recursos", destacou.

Formoso salientou que "é imposible alcanzar esa igualdade efectiva se non hai independencia económica por parte das mulleres" e por iso "a sociedade necesita que a muller emprenda, porque a muller emprende dun xeito distinto, a muller toma decisións no ámbito da xestión dun xeito distinto" e "esa experiencia, esa forma de ser, esa particularidade propia que ten a muller temos que aproveitala".

"Sen ir máis lonxe, en Galicia, onde o sector primario ten un peso moi importante, pese ao abandono e o recorte de servizos por parte da Xunta, catro de cada cinco proxectos emprendedores que se crean na Galicia rural son impulsados por mulleres", apuntou o presidente provincial, que lembrou que "isto ten que ir acompañado de dotación de servizos no ámbito da saúde, do transporte, da educación, da mobilidade...".

Formoso subliñou que "o emprendemento deunos moitas leccións ao longo da historia" e explicou que "unha boa idea, un talento, non ten por que exportarse fóra de España, pode nacer aquí, pode medrar aquí e, ademais de ser unha fórmula de autoemprego, pode acabar sendo unha forma de emprego para terceiros".

Ademais, fixo referencia á política de emprego que se está a levar na Deputación da Coruña "coa creación de 1.806 empresas en seis anos, nos distintos ámbitos, potenciando sobre todo o rural pero tamén o urbano e onde o papel da muller é fundamental" e tamén puxo o foco sobre "os 11 espazos de coworking temáticos onde as sinerxías dos profesionais que alí se instalan son moi altas porque teñen que ver cun sector ou un tema en concreto, e aí a presenza de mulleres tamén é maioritaria".

Un emprendemento sostible e feminino

Preto de 200 mulleres de toda España déronse cita hoxe no Teatro Colón para participar no encontro 'Emprendedoras y Desarrollo Sostenible' organizado por Fundación Mujeres co obxectivo de dar apoio e visibilidade ao emprendemento feminino como unha das claves para o desenvolvemento dun modelo sostible de emprendemento.

Ao longo da xornada poranse a debate a relación das iniciativas emprendedoras das mulleres e o desenvolvemento sostible, a través de diferentes charlas nas que se traerán a colación proxectos de éxito liderados por mulleres.

Na inauguración desta xornada participaron, ademais de Valentín González Formoso, a presidenta de Fundación Mujeres, Elena Valenciano, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a alcaldesa da Coruña, Inés Rey. A vicepresidenta primeira e ministra de Economía y Transformación Digital, Nadia Calviño, enviou un vídeo para dar a benvida a todas as asistentes.