A Deputación apoia os programas da USC para captar e potenciar o talento da mocidade
Valentín González Formoso e Antonio López asinaron o convenio a través do que investirán 135.000 nunha aposta conxunta pola promoción e difusión do coñecemento, a ciencia e a cultura
Formoso destaca a importancia dos programas financiados pola Deputación para impulsar o talento e orientar vocacións desde a ESO o Ensino Medio
A Deputación da Coruña e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) renovan a súa aposta conxunta pola difusión e fomento da educación, a investigación e a transferencia do coñecemento. O presidente provincial, Valentín González Formoso, e o reitor da USC, Antonio López Díaz, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, asinaron esta mañá na sede provincial o acordo co que a Deputación achega 108.000 euros para financiar o 80% do programa de actividades de promoción cultural, artística e científica da Universidade, que conta cun custo total de 135.000 euros.
Ambas institucións renovan un ano máis a súa alianza para levar a cabo diversos programas e actividades cos que se busca "impulsar a investigación e a transferencia de coñecemento, así como axudar a descubrir e potenciar o talento da nosa xente moza ofrecéndolles oportunidades de desenvolvemento, xa desde a ESO ou o Bacharelato", afirmou Formoso, que destacou tamén a calidade da programación cultural da USC e a súa "clara aposta pola difusión do coñecemento, clave para seguir progresando como sociedade", apuntou.
Ademais de dar pulo ao desenvolvemento cultural e científico, esta sinatura simboliza "un compromiso de continuidade dunha alianza estratéxica e reforza a idea de que xuntos chegamos máis lonxe", sinalou o reitor Antonio López. Esta colaboración entronca, ademais, coa misión universitaria de facer transcender o coñecemento en calquera das súas manifestacións, tanto do traballo investigador como da produción e difusión da cultura como elemento transversal dunha sociedade.
Detectar e estimular o talento do alumnado
A Deputación cofinancia iniciativas que contribúen a detectar e capacitar talento novo, como o proxecto ESTALMAT-Galicia, que ten como obxectivo estimular as capacidades matemáticas en alumnos de 12 e 13 anos. Esta acción comezou a súa andaina en Galicia no ano 2007 e a súa máxima prioridade é promover vocación no campo das ciencias, co fin de asegurar que os talentos matemáticos e científicos detectados non se perdan, contribuíndo ao desenvolvemento científico de Galicia.
Dentro desta aposta, tamén se financia a iniciativa A Ponte entre a USC e o Ensino Medio, coa que se quere captar os mellores expedientes procedentes do bacharelato e de ciclos formativos. Así mesmo, levaranse a cabo programas de achegamento a USC e de formación de titores para orientar a mocidade de cara ao seu futuro formativo no eido universitario e axudar a espertar vocacións entre a mocidade.
Programación cultural
No relativo á programación cultural, a Deputación dá apoio a actividades coma os encontros orquestrais de primavera, verán e Nadal da orquestra da USC, a formación de actores e actrices da Aula de Teatro, exposicións coma "A Minerva Comopostelá II", "O arquivo histórico da USC. Crónica dunha custodia", "Isabel Rey. A Universidade pintada" ou mostras artísticas de Soledad Penalta ou Xosé Luís Otero.
Tamén teñen cabida dentro dos proxectos subvencionados os congresos e seminarios científicos encamiñados ao intercambio de coñecemento, con temáticas diversas abordadas por especialistas que van desde a historia da Galicia medieval á astronomía, as ciencias da saúde ou a criminoloxía.
A Deputación colabora tamén este ano na edición do libro que conmemora os 100 anos de creación da Facultade de Ciencias da USC e dos estudos de Química, que foi o primeiro título que se impartiu na facultade de maneira ininterrompida desde 1922 ata hoxe.