Estás en:Novas

A Deputación acolle a primeira mesa de traballo sobre políticas de Igualdade coa Confederación de Municipios do Brasil

As deputadas de Igualdade e Benestar, María Muíño e Ana Lamas, recibiron a unha delegación de traballo encabezada pola representante da entidade brasileira, Tania María Rodrigues, na que se compartiron experiencias de traballo

A Confederación de Municipios agrupa a 5.300 concellos de Brasil

A Deputación acolle a primeira mesa de traballo sobre políticas de Igualdade coa Confederación de Municipios do Brasil

A Deputación vén de acoller a primeira mesa de traballo sobre políticas de Igualdade na que participaron as deputadas de Igualdade, María Muíño, e de Benestar Social, Ana Lamas, e unha delegación da Confederación de Municipios do Brasil, encabezada pola súa presidenta, Tania María Rodrigues.

Este encontro celébrase en virtude do protocolo de colaboración formalizado entre o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e a presidenta da entidade municipal, que representa a 5.300 concellos de Brasil, Tania María Rodrígues, co obxecto fundamental de fomentar o intercambio de experiencias e de persoal nos campos das políticas públicas relacionadas co benestar, a igualdade e os servizos sociais.

María Muíño puxo en valor cuestións moi presentes no encontro como son a necesidade de atender á diversidade territorial desde as institucións, de xeito que o lugar en que viva unha persoa non se converta en motivo de desigualdade. Tamén aproveitou para facer unha exhaustiva explicación do traballo do seu departamento nos últimos anos, centrándose na apoio ao concellos para a contratación de axentes de Igualdade que traballen coa poboación local en programas de relacionados coa igualdade de xénero e prevención da violencia machista. Neste apartado mencionou o programa piloto 'O Lavadorio', unha experiencia desenvolvida ao longo deste exercicio nos Concellos de San Sadurniño e Moeche, co obxectivo de contar cunha rede veciñal de apoio ás vítimas de violencia machista e que, ademais, conte cos coñecementos necesarios para detectar posibles casos e cumprir coa necesaria función de acompañamento no proceso de deixar atrás a súa situación.

Desde o eido das políticas específicas de Benestar Social, Ana Lamas explicou a acción que a Deputación realiza neste eido, "prioritario na acción deste Goberno, pois tanto a pandemia coma a crise de prezos derivada da invasión rusa de Ucraína obrigáronnos a reforzar todos os servizos sociais que prestamos desde a Deputación e desde os concellos", o que supuxo "incrementar nun 137% o orzamento destinado a atender aos máis vulnerables".

Neste eido, remarcou iniciativas reforzadas nos últimos como a Rede de Acollemento ás mulleres en situación de violencia de xénero, que actualmente conta con tres centros financiados pola Deputación na Coruña, Ferrol ou Culleredo ou o apoio aos servizos de axuda no fogar (SAF) dos municipios coruñeses, que se incrementou de 4 a 8,6 millóns de euros nos últimos anos, o que permite financiar 386.000 horas de axuda no fogar en toda a provincia.