Un informe do Consello de Contas sitúa a Deputación da Coruña á vangarda das administracións locais galegas na implantación da administración electrónica
O informe destaca que é a única Deputación que presta un servizo integral aos concellos con persoal e recursos propios e coa implicación de varias unidades administrativas
72 concellos de menos de 20.000 habitantes ofrecen os seus servizos en liña á cidadanía co apoio da Deputación
A Deputación traballa en proxectos de inclusión dixital para facer a e-administración accesible a toda a cidadanía
O Consello de Contas de Galicia vén de publicar un informe sobre o grao de implantación da administración electrónica nas entidades locais de Galicia no período 2019-2020 que sitúa á Deputación da Coruña á vangarda en implantación da e-administración.
Tras a auditoría realizada, o informe destaca o "cumprimento favorable" da Deputación da Coruña neste ámbito e recoñece a planificación e a aposta pola dixitalización da administración tanto no que se refire á propia institución provincial, como na asistencia técnica que ofrece aos concellos de menos de 20.000 habitantes .
O informe destaca que a Deputación da Coruña é a única de Galicia que presta este servizo de xeito directo (con persoal e recursos propios, sen recorrer a contratacións externas) "a todos os concellos susceptibles de recibila, mediante a intervención de persoal de varias unidades administrativas", fundamentalmente do servizos de Asistencia aos Concellos, Administración Electrónica, Sistemas e Soporte Informático e Contabilidade. Apunta ademais que a Deputación duplicou o número de traballadores e traballadoras de perfil TIC que prestan estes servizos, pasando de 10 a 19 persoas entre 2019 e 2020.
Amplo catálogo de servizos aos concellos
No apartado de Planificación, a Deputación da Coruña aproba en todos os ámbitos desta epígrafe (avaliación inicial, recomendacións, seguimento e planificación) e destaca que conta cun amplo catálogo de servizos que oferta un total de 72 dos 82 concellos de menos de 20.00 habitantes da provincia, "non existindo ningún concello que solicitase a prestación e non a recibise".
Grazas a este apoio técnico da Deputación, 72 municipios contan a día de hoxe con servizos dixitais que axilizan o traballo administrativo e facilitan as xestións da cidadanía como a sede e o rexistro electrónico, identificación e sinatura electrónica, notificacións electrónicas, cartafol cidadán, expedientes dixitais, plataforma de intermediación de datos, códigos seguros de verificación, hosting da web municipal ou factura electrónica.
Esta prestación de servizos realízase tras a sinatura dun convenio e non supón custe económico para os concellos, que teñen ademais a posibilidade de avaliar a calidade do servizo que reciben da Deputación e propor melloras ou novas ferramentas que lles axuden a mellorar o seu traballo no eido da administración electrónica.
Pioneiros co proxecto Concello Dixital
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou que os bos resultados desta auditoría do Consello de Contas de Galicia son posibles grazas a aposta pola dixitalización da administración que vén facendo a Deputación nos últimos anos a través do proxecto Concello Dixital, "un proxecto integral destinado á dixitalización das entidades locais, que nace de abaixo arriba, recollendo as demandas e necesidades dos concellos, e que ten como obxectivos principais mellorar a atención á cidadanía, facilitar o acceso a calquera trámite coa administración e axilizar a tramitación dos expedientes".
Na actualidade, o proxecto Concello Dixital liderado pola Deputación da Coruña integra a 80 entidades da administración local da provincia: 70 concellos, 3 consorcios, 5 mancomunidades, un auditorio e a propia Deputación.
Inclusión dixital e redución da fenda dixital entre o urbano e o rural
Outros retos a nivel de e-aministración nos que está traballando a Deputación da Coruña, en liña coa Axenda Europea e España Dixital 2025 é a ciberseguridade. Na actualidade, o plan provincial de ciberseguridade destinado a entidades locais de menos de 20.000 habitantes conta xa con 67 concellos adheridos na súa primeira fase de execución.
Ademais, tamén se avanza en materia de inclusión dixital e democratización de acceso aos datos por parte da cidadanía: "Na Deputación estamos a traballar para reducir a fenda dixital que entre as zonas urbanas e as rurais e para ofrecer máis e mellores servizos á cidadanía, sen esquecer a implantación de fórmulas de inclusión dixital para facer a e-admnistración accesible tamén para as persoas maiores", afirmou Formoso, que detallou que, ademais dalgunhas medidas que xa están en funcionamento, como o acordo con Correos para facilitar o pagamento de tributos en calquera municipio da provincia a través da súa rede de oficinas ou dos carteiros, o Goberno provincial traballa en fórmulas que faciliten que a cidadanía poida realizar os seus trámites administrativos electrónicos de forma sinxela, mediante a creación de puntos de inclusión dixital nos que se axude ás persoas a realizar trámites en liña ou reforzando os servizos de soporte e a atención presencial á cidadanía.